Cando menos seis buques que viñan prestando apoio a plataformas petrolíferas permanecerán abarloados en Ferrol durante os próximos meses.

Os tres primeiros barcos do “lay-up” acordado con Topaz Energy & Marine arribaron este mediodía ao porto interior da cidade naval.

Ferrol, 29 de maio de 2020

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao pechou un acordo con Topaz Energy & Marine para acoller nas súas instalacións unha gran operación de parada de remolcadores oceánicos. Esta sestión pon en valor activos da institución de uso non intensivo actualmente e ao mesmo tempo abre unha nova liña de negocio para o organismo que preside José Manuel Vilariño.

Topaz Energy & Marine pertence ao megagrupo P&O Maritime, ambos de matriz dubaití. Cando menos seis grandes remolcadores tipo supply desta navieira realizarán en Ferrol durante os próximos meses un lay-up. Dispostos en dous grupos de tres unidades, permanecerán abarloados no espigón exterior do porto interior, onde acostuman a atracar os pequenos cruceiros de pasaxe que visitan a cidade naval, escalas que agora non se están a producir como consecuencia da pandemia do coronavirus.

Os remolcadores viñan desenvolvendo tarefas de apoio en plataformas petrolíferas que nestes momentos, produto da crise do mercado do cru, non se atopan en explotación. Estarán en Ferrol mentres a cotización do petróleo non devolva a súa actividade a estándares rendibles.

Os barcos chegarán de maneira escalonada. Este mediodía veñen de arribar os tres primeiros: o Topaz Isra, o Topaz Megan e o Topaz Xara, todos procedentes de Nixeria, construídos en 2014 e con esloras de 75 metros e mangas de 17,2. O cuatro, o Topaz Captain (84×18,3 metros), que partiu de Costa de Marfil o 13 de maio, fará o propio este domingo. Para as próximas semanas espérase que o fagan o Topaz Sophie (75×17,2) e o Team Beleuzi (75×17,5), botados en 2013 e 2019, respectivamente. Non se descarta que no futuro a estes seis buques poidan seguir outros similares.

17 tripulantes dos remolcadores quedaranse en Ferrol mentres as naves sigan no seu porto, de acordo coas prescripcións da Capitanía Marítima. Se durante a estancia destes buques no espigón exterior chegasen á cidade cruceiros de pequeno porte, estes atracarían onde habitualmente amarran os grandes: no peirao Fernández Ladreda.

“Cumprimos coa nosa misión de dar servizo ás navieiras e atender as súas necesidades nas distintas situacións que se lles poden presentar. Ademais, puidemos pechar un acordo que, pola súa magnitude, supón unha importante fonte de ingresos para a Autoridade Portuaria e para a cidade”, valorou Vilariño, quen tamén destacou: “Agradecemos a Topaz e a P&O a confianza que teñen depositado en nós. E tamén damos as grazas á comunidade portuaria: Capitanía Marítima, prácticos, empresas de remolque e amarre, consignatarios… Para que esta operación puidera materializarse a colaboración de todos eles foi fundamental”.