A AUTORIDADE PORTUARIA AUTORIZA A REALIZACIÓN DE OBRAS DE MELLORA NAS INSTALACIÓNS DE GREEN PROCESOIL NO PORTO EXTERIOR DE FERROL
O consello de administración dá o visto e prace á solicitude da empresa que pretende adaptar a súa planta para realizar o tratamento final de aceites usados e residuos Marpol para o seu uso como combustibles
O órgano de dirección aproba o nomeamento definitivo de dous novos prácticos no porto de San Cibrao
Ferrol, 3 de novembro de 2023
O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao deu esta mañá o visto e prace á solicitude de Green Procesoil S. L. para a realización de melloras nas súas instalacións do porto exterior de Ferrol. O organismo de dirección aprobou a modificación non substancial da concesión da que é titular a empresa para que poida iniciar a execución do proxecto para modificar as instalacións da planta de pretratamiento de residuos. O obxectivo destes traballos, que contan cun orzamento dun millón de euros, é poder realizar o tratamento final de aceites usados e residuos Marpol para o seu uso como combustibles.
Green Procesoil é titular dunha concesión para un centro de tratamento previo de residuos oleosos no porto exterior de Ferrol desde marzo do 2021. A autorización aprobada agora permitirá executar a primeira fase dos traballos para adaptar e mellorar as súas instalacións sen incrementar a superficie construída na parcela da súa concesión.
Outros acordos
O consello de administración tamén aprobou a renovación de varias licenzas provisionais para a prestación do servizo portuario de manipulación de mercadorías no porto de Ferrol. Trátase da concesión de novos títulos habilitantes ás empresas Pérez Torres, Galigrain, Terminais Marítimos de Galicia e Greenalia Logistics.
Así mesmo, deu o visto e prace ao nomeamento definitivo, como prácticos do porto de San Cibrao, dos capitáns da Mariña Mercante, Rodrigo Tuero Salga e Rafael Santos da Presa. Ambos ocupan así os postos que quedaran vacantes tras causar baixa dúas dos titulares. Con estes nomeamentos, complétase o persoal en San Cibrao composta por tres prácticos.