A AUTORIDADE PORTUARIA AUTORIZA A PÉREZ TORRES A REFORMA DUNHA NAVE NO PORTO INTERIOR PARA DESTINALA A TALLER E MANTEMENTO
O consello de administración aproba a concesión do inmoble que substituirá ás dependencias que ocupará o aparcamento central en Curuxeiras
O órgano de dirección tamén deu o visto e prace á incorporación de Miller e Compañía, S.A. como nova empresa consignataria
Ferrol, 15 de decembro de 2023
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao dá un novo paso para a construción do aparcamento central en Curuxeiras, dentro do convenio coa Xunta para favorecer a mobilidade na fachada marítima. O consello de administración aprobou esta mañá a concesión, a Pérez Torres Marítima, da nave número 3 situada no porto interior de Ferrol. Trátase dun antigo inmoble, propiedade do organismo portuario, que se destina actualmente ao tráfico de mercadorías.
Esta concesión de dominio público foi solicitada por Pérez Torres que se encargará de reformala e adaptala para taller, mantemento e dependencias de persoal. Deste xeito trasladará a esta nave as instalacións e material que actualmente ten nas tres naves que se van a derrubar para construír o aparcamento central e que pasarán a ser propiedade da Autoridade Portuaria.
O inmoble que pasará a ocupar Pérez Torres consta de 2.287 metros cadrados divididos en dúas plantas e as obras deberán comezar nun prazo máximo de 2 meses. O período de concesión é de 15 anos. O acordo permitirá continuar coa reordenación do porto interior de Ferrol.
Outros asuntos
O órgano de dirección da Autoridade Portuaria tamén autorizou a incorporación á comunidade portuaria dunha nova consignataria. Trátase da empresa Miller e Compañía, S.A. con sede nas Palmas que pasará a prestar o servizo comercial de consignación de buques e mercadorías no porto de Ferrol. Coa entrada desta nova empresa son xa 16 as consignatarias que operan nas dársenas da Autoridade Portuaria.
Así mesmo, o consello de administración desta mañá tamén aprobou a prórroga a Remolcadores Ría de Ferrol, S.L. para prestar o servizo portuario de remolque no porto de Ferrol.