A AUTORIDADE PORTUARIA AUTORIZA A NAVANTIA A EXECUCIÓN DA SEGUNDA FASE DAS OBRAS PARA ADAPTAR AS SÚAS INSTALACIÓNS Á EÓLICA OFFSHORE
O consello de administración aproba a modificación non substancial da concesión en Fene para completar as actuacións nas gradas e reorganizar a superficie para gañar espazos no estaleiro
O organismo portuario tamén dá o visto e prace á Confraría de Pescadores de Ferrol para a realización de melloras nas súas dependencias
Ferrol, 16 de maio de 2024
O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou a modificación non substancial da concesión titularidade de Navantia en Fene. Esta autorización posibilita a realización da segunda fase do proxecto para acometer as actuacións nas gradas e reorganizar as superficies concesionales. Uns traballos que permitirán a adaptación de Navantia Fene ao mercado de estruturas de eólica offshore.
Esta segunda fase das obras complementa á de demolición das gradas en cotas superiores á pleamar que actualmente están en execución. As actuacións desta segunda etapa inclúen completar a demolición das gradas 1 e 2 correspondentes ás zonas de carreira de marea e a reorganización da superficie para gañar espazos en distintas áreas do estaleiro para a eólica mariña. A superficie concesional resultante da reforma das instalacións de Navantia en Fene é de 897.762 metros cadrados, dos que 726.746 son de terra e 171.016 de lámina de auga. En total o incremento da superficie concesional é dun 4,59 %. A aprobación da modificación non substancial da concesión, por parte do consello de administración da Autoridade Portuaria, posibilitará ao estaleiro ampliar as súas capacidades na eólica offshore.
Outros asuntos
O órgano de dirección do organismo portuario tamén aprobou o proxecto de renovación da vía ferroviaria que discorre pola rúa principal da rede interior do porto de Ferrol, así como a autorización para a licitación dos traballos. A vía, que ten unha lonxitude de 1.538 metros sobre terreos da zona de servizo da Autoridade Portuaria, contará con dobre ancho métrico e ibérico, instalando así mesmo travesas que permitan nun futuro a inclusión dun cuarto fío. O orzamento estimado é de 4,5 millóns e o prazo de execución é de 10 meses.
Así mesmo, o consello de administración autorizou á Confraría de Pescadores de Ferrol a realizar obras de mellora do local destinado a peixaría no edificio no que desenvolven a súa actividade. Os traballos permitirán adecuar tanto o local da peixaría como o almacén e a depuradora.