O consello de administración deu o visto e prace á modificación non substancial da concesión titularidade da empresa de aluminio para a execución de obras no peirao principal

Os traballos consistirán na instalación dunha nova tolva para descarga de bauxita e melloras nas cintas transportadoras

 

Ferrol, 04 de marzo de 2022

O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao deu esta mañá o visto e prace á modificación non substancial da concesión C-434 titularidade de Alcoa no peirao principal do porto de San Cibrao. O acordo permitirá á empresa de aluminio a execución dunhas obras que supoñerán un investimento de 4,5 millóns de euros nos terreos que ocupa e que facilitarán a descarga de bauxita.

O proxecto consiste na instalación dunha nova tolva e melloras nas cintas transportadoras no dique sur. A tolva facilitará a manipulación de bauxita na descarga de buques a unha liña de cinta cun sistema de aspiración de po. Instalarase, ademais, unha cinta transportadora capotada na parte baixa da tolva que dará saída ao produto ata conectala coa existente no peirao.

O organismo de dirección da Autoridade Portuaria ha valorado nesta decisión os beneficios que a execución destas obras supoñerán para un dos tráficos máis importantes, xa que no balance desagregado do 2021 a bauxita liderou o ranking de mercadorías con 4.144.643 toneladas movidas.

Outros asuntos

Así mesmo, entre outras cuestións, o consello de administración aprobou tamén unha modificación parcial da declaración de innecesariedade de terreos da zona de servizo na Malata e Cabana, en Ferrol, acordada en 2018.

Con esta modificación parcial, a declaración de innecesariedade circunscríbese ás parcelas que serán obxecto do trámite de desafectación. Deste xeito dáse resposta ás observacións realizadas no informe emitido pola Dirección Xeral da Costa e o Mar do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico para seguir adiante co procedemento.