A AUTORIDADE PORTUARIA APROBA A RENOVACIÓN DA LICENZA PARA A CONTINUIDADE DO SERVIZO DE PRACTICAXE NO PORTO DE SAN CIBRAO
A decisión, ratificada no consello de administración, posibilita a prestación do servizo portuario durante o próximos tres anos
O órgano de dirección dá o visto e prace á continuidade de tres empresas como provisionistas de buques nas dársenas de Ferrol e A Mariña
Ferrol, 5 de abril de 2024
O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao aprobou renovar a Alcoa a licenza para seguir prestando o servizo de practicaxe de buques en San Cibrao. Isto permitirá a continuidade desta actividade que a concesionaria do porto da Mariña presta con persoal propio. Alcoa dispoñía xa dunha autorización que finalizaba este ano polo que, debido á importancia do servizo para a dársena de San Cibrao, renovouse a licenza por un período de tres anos.
Trátase dunha licenza provisional concedida mentres non estean aprobados os pregos definitivos de prescricións particulares que actualmente elabora a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao para dar estabilidade aos distintos servizos portuarios, seguindo así as directrices marcadas por Portos do Estado.
Outros asuntos
O órgano de dirección da Autoridade Portuaria tamén deu o visto e prace á continuidade de tres empresas que prestan servizo de provisionamento de buques nos portos de Ferrol e San Cibrao. O consello de administración aprobou a renovación da autorización a Casa Pepe Vigo S.L., Allforsail S.L. e Dino Theo Atlantis M.C. S.L. atendendo así á solicitude das tres empresas de seguir presentes nos portos dependentes da Autoridade Portuaria. O período da autorización é de 10 anos.
Coa renovación destas autorizacións, son oito as empresas provisionistas de buques que operan nas dársenas de Ferrol e San Cibrao. Trátase dun servizo fundamental de subministración e apoio loxístico dos distintos buques que arriban aos portos da Autoridade Portuaria.