O consello de administración deu o visto e prace á solicitude da empresa para a adecuación e explotación dunha planta de almacenamento de combustibles na que investirá 3,9 millóns

O organismo que dirixe Francisco Barea tamén autorizou á navieira Vasco Shipping a realizar o servizo comercial de consignación de buques e mercadorías na terminal de contedores de Yilport

Ferrol, 27 de maio de 2022

O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acordou esta mañá outorgar a Terminal Líquidos de Ferrol ( TLF) a concesión da titularidade das instalacións da antiga Entabán, no porto exterior, para a adecuación e explotación dunha planta de almacenamento de combustibles. A concesión, que terá unha vixencia de 30 anos, afecta a unha parcela de case 21.000 metros cadrados en Caneliñas.

O proxecto presentado por TLF ten por obxecto a adecuación do parque de almacenamento de produtos combustibles e mellora da loxística da planta. O orzamento de execución material para as obras e instalacións ascende a 3.962.775 de euros.

Tamén en materia enerxética, o órgano de dirección da APFSC aprobou outorgar licenza provisional a Molgas Enerxía S.A. para a prestación do servizo portuario de subministración de gas natural licuado a buques como combustible. A licenza estará en vigor ata un prazo máximo de dous anos.

Nova navieira na terminal de contedores

Así mesmo, reafirmando a aposta polo tráfico de mercadorías, o consello de administración autorizou na súa reunión de hoxe, a entrada dunha nova navieira para operar no porto exterior de Ferrol. Vasco Shipping Services, S.L. comezará a operar na terminal de contedores prestando servizo comercial de consignación de buques e mercadorías.

A incorporación desta nova navieira, que xa opera en Vigo, Marín e Xixón, é unha das primeiras consecuencias da posta en marcha da nova liña X- Press Feeders na terminal de Yilport, situando ao porto de Ferrol nunha situación de vantaxe competitiva e consolidando así a súa aposta polos tráficos de mercadorías.

Vasco Shipping Services, S.L. é a empresa creada no ano 2000 no seo do Grupo Vasco para representar en exclusiva a navieira chinesa COSCO. Cosco Shipping Group opera unha frota de máis de 1.318 buques. Dentro desta, a frota de contedores ten unha capacidade de 3,06 millóns de TEU colocándoa no terceiro posto a nivel mundial.

Outros asuntos

Así mesmo, o consello de administración da APFSC deu o visto e prace a outros asuntos como a renovación do parque móbil que supera, en moitos casos, os 15 anos de antigüidade. Para iso aprobáronse os pregos para contratar a subministración de vehículos para a Autoridade Portuaria, a través da modalidade de renting. Ademais deuse o visto e prace á Estratexia de Sustentabilidade da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao para os próximos 5 anos, en liña coa estratexia de mobilidade sostible da Comisión Europea e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas ( ODS).