A AUTORIDADE PORTUARIA APROBA A CESIÓN DE 203.200 METROS CADRADOS AO CONCELLO DE FERROL
O consello de administración dá o visto e prace para que os terreos, ata o de agora patrimonio do organismo portuario, pasen a ser de titularidade municipal contribuíndo así ao desenvolvemento da cidade
O acordo afecta as zonas deportivas da Malata, así como a áreas da Cabana e da zona alta do porto interior
Ferrol, 27 de xuño de 2024
O consello de administración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acordou a cesión, ao Concello de Ferrol, de terreos en distintas áreas da cidade que actualmente son patrimonio do organismo portuario. Trátase dun total de 203.235 metros cadrados de superficie que pasarán a ser de titularidade municipal e que se atopan situados nas zonas da Malata, A Cabana e o porto interior. O terreos obxecto da cesión manterán os fins de utilidade pública actuais e están dedicados a actividades deportivas na área da Malata, viarias e xardíns de uso aberto á cidadanía, actividades sociais na Cabana, así como á estación de impulsión da Cabana que forma parte da rede de saneamento de Ferrol.
No caso da Malata, a cesión comprende a superficie na que se atopa, por unha banda, o estadio de fútbol, o campo de adestramento, os campos de fútbol 7, o estanque, a cancha de kaiak-polo, os aparcamentos e os viais e zonas verdes arredores. Por outro, a área do pavillón polideportivo e o seu aparcamento, pistas de atletismo e campo de rugby, as pistas de tenis e pádel, e o resto de edificacións do complexo. Tamén pasarán a ser titularidade municipal as conexións co Acceso Norte e a Estrada Alta do Porto.
Na área da Cabana, inclúense as superficies nas que se atopan o parque infantil, a igrexa, o local da asociación de veciños, así como o paseo marítimo e as zonas verdes contiguas. Tamén pasarán a ser de titularidade municipal a área da estación de bombeo que forma parte da rede de saneamento e as estradas que discorren por esta zona de servizo.
Polo que respecta á zona do porto interior cédese a Estrada Alta ata a súa conexión co Acceso Norte, a vía que comunica a Estrada Alta e a Estrada Baixa do Porto e zonas verdes.
A Autoridade Portuaria considera que se trata de espazos, instalacións e infraestruturas de uso xeneralizado pola cidadanía polo que resulta máis eficaz e beneficioso para a cidade que sexa o Concello o que se encargue da súa xestión e mantemento. Un paso que redundará positivamente no desenvolvemento da cidade. O consello de administración tamén aprobou delegar no presidente da Autoridade Portuaria a firma da acta de cesión coa autorización de Portos do Estado e o informe da Dirección Xeral de Patrimonio.
Outros asuntos
O órgano de dirección tamén acordou esta mañá outorgar á empresa Avante Port Handling a autorización para prestar o servizo comercial de consignación de buques e mercadorías, nos portos dependentes da Autoridade Portuaria, por un período de 10 anos. Así mesmo, deu o visto e prace á ordenanza que regulará as actividades e ordenación de provisións na área do porto destinada a actividades pesqueiras e marisqueiras. Unha regulación que contribuirá a reforzar a seguridade e hixiene, así como a produtividade do sector.