A AUTORIDADE PORTUARIA ANÓTASE O SEU MELLOR ARRANQUE DE ANO DESDE 2019 AO AUMENTAR A ACTIVIDADE UN 14 % NAS SÚAS INSTALACIÓNS
As empresas que operan nos portos de Ferrol e San Cibrao moveron no primeiro trimestre de 2022 case 2,6 millóns de toneladas de mercadorías, fronte ás algo menos de 2,3 rexistradas no arranque de 2021
Estimulado por un bum dos graneis sólidos, o tráfico crece máis que no conxunto do sistema español de dársenas de interese xeral
“Seguiremos traballando para diversificar aínda máis as liñas de negocio e converternos nun faro da enerxía verde”, anuncia Francisco Barea
Ferrol, 13 de abril de 2022
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao acaba de anotarse o mellor arranque de ano do últimos tres, ao aumentar a actividade nas súas instalacións case un 14 % no primeiro trimestre do exercicio. Está a crecer como non o facía desde 2019 e tamén algo máis rápido que o conxunto do sistema español de dársenas de interese xeral, onde ao peche de febreiro a progresión era de 9,2 puntos porcentuais.
Segundo datos aínda provisionais, as empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron desde o 1 de xaneiro ata o 31 de marzo un total de 2.581.004 toneladas de mercadorías, fronte ás 2.266.289 que consignaran en iguais datas de 2021. Produciuse, por tanto, un avance de 13,9 puntos porcentuais.
En global, o tránsito de graneis sólidos alcanzou as 1.674.334 toneladas; o de líquidos, as 773.022; e o de mercadoría xeral, as 131.340. O primeiro subiu un 35,6 % en comparación con 2021, mentres que o segundo e o terceiro baixaron, respectivamente, un 5,9 e un 36 %.
O ranking de mercadorías do primeiro trimestre lidérano a bauxita, con 1.087.228 toneladas movidas, e a alúmina, con 444.124. A clasificación complétana nos seus primeiros postos o gas natural licuado (335.698 toneladas), o fueloil (231.441), os aceites (91.725), o carbón (82.500), a sosa cáustica (66.159), a madeira (45.388), a chatarra (33.760) e o biodiésel (20.503). A mercadoría contenerizada superou por primeira vez nun trimestre inicial de ano a barreira das corenta mil toneladas, ata alcanzar as 41.204.
Entre os tráficos de maior importancia, o mellor dos progresos no período xaneiro-marzo marcárono os aceites, cun repunte do 622,5 %, e o fueloil, cunha alza do 70 %. Tamén avanzaron, mesmo a niveis de máximos históricos, a alúmina e a bauxita, con senllos ascensos de 48,3 e 31,7 puntos porcentuais.
Así mesmo, rexistrou unha sobresaliente evolución o tránsito de cargas dentro de contedores, que subiu un 15,7 % se se mide en toneladas e un 6,7 % % se a comparación establécese en TEUs, para chegar aos 3.853.
“Acabamos de pechar un trimestre moi positivo, a pesar de todos os factores que xogaban na nosa contra: fundamentalmente, os efectos da folga do transporte, as repercusións negativas dos altos custos enerxéticos sobre as industrias da nosa zona, a crecente inestabilidade no panorama internacional e o notable impacto dunha transición que está a ser abrupta en moitos aspectos. É certo que nestes meses recibimos algo de carbón, pero nin moito menos todo o que desembarcabamos antes nin tampouco é unha liña de negocio que se vaia a manter no tempo; estamos #ante algo conxuntural”, valorou o presidente da Autoridade Portuaria. “Todas estas circunstancias -engadiu Francisco Barea- fannos ser especialmente cautos para un futuro no que seguiremos traballando para diversificar aínda máis os tráficos e converternos nun faro da enerxía verde”.