A AUTORIDADE PORTUARIA ALCANZA OS 11 MILLÓNS DE TONELADAS DE TRÁFICO DE MERCADORÍAS A DOUS MESES DE ACABAR O ANO
• Os movementos de carga e descarga rexistrados nas dársenas da entidade durante o presente exercicio igualan tras un repunte aos contabilizados nas mesmas datas do histórico 2017
• A estiba e desestiba de graneis sólidos aumenta un 2,6 % mentres que a de líquidos retrocede case oito puntos porcentuais
•No que vai de 2018 suman xa case mil os buques que atracaron nos peiraos de Ferrol e San Cibrao
Ferrol, 9 de novembro de 2018. A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao logrou pechar os dez primeiros meses do exercicio cun tráfico acumulado superior aos 11 millóns de toneladas de mercadorías, algo que só conseguira con anterioridade en 2012 e 2017. Trátase, por tanto, dun resultado moi positivo, aínda que as previsións para o último bimestre de 2018 apuntan a unha certa desaceleración do mercado. Con todo, este efeito non impedirá á institución cumprir o obxectivo de actividade fixado na súa programación estratéxica: favorecer movementos anuais por enriba dos 12 millóns de toneladas e consolidarse así entre as catro primeiras autoridades portuarias da fachada noratlántica-cantábrica, xunto ás de Bilbao, Xixón e A Coruña.
Desde o 1 de xaneiro de 2018 ata o 31 de outubro, as empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao cargaron e descargaron 8.825.596,11 toneladas de graneis sólidos, 1.698.319,06 de graneis líquidos, 639.590,68 de mercadoría xeral e 31.192,16 doutros tipos de mercadorías (avituallamentos, pesca…). Respecto ás mesmas datas de 2017, no primeiro dos campos produciuse un aumento do 2,6 %; no segundo, un descenso do 7,97 %; no terceiro, un retroceso do 2,6 %, e no cuarto, unha subida do 38,9 %.
En suma, ao longo dos dez primeiros meses de 2018 o tráfico de mercadorías nas instalacións da Autoridade Portuaria alcanzou un volume de 11.194.698 toneladas, 6 décimas porcentuais máis que no mesmo período do exercicio anterior, e un 11,5 % por enriba da media dos tres últimos lustros. Como reflicte o gráfico de evolución que ilustra esta nota de prensa, trátase do segundo mellor rexistro na historia da entidade, só por detrás do alcanzado en 2012 (11.549.913), unha posición comparativa que dificilmente se manterá á conclusión de decembro.
O ránking de mercadorías que pasaron polos peiraos de Ferrol e San Cibrao entre xaneiro e outubro reflicte a forte compoñente de portos enerxéticos que teñen ditas dársenas. Esa clasificación lidéraa o carbón, con 4.004.125 toneladas computadas, seguido da bauxita, con 3.365.370, e a alúmina, con 996.060. Completan o top 10 o gas natural licuado (650.317), o fuel (360.811), a chatarra (220.474), a sosa cáustica (204.888), a madeira (196.667), os aceites (192.474) e o biodiésel (183.302).
Os datos solicitados, aínda provisionais, reflicten igualmente unha evolución positiva do número de buques operados nas instalacións da Autoridade Portuaria. No período xaneiro-outubro deste ano foron 968, fronte aos 929 dos dez primeiros meses de 2017. Pasaron polos peiraos da entidade, entre outros, 527 barcos de carga xeral, 160 tanques de líquidos, 153 graneleros de sólidos, 36 portacontedores e 27 ro-ro.