A institución pecha o período xaneiro-setembro con máis de 7,6 millóns de toneladas cargadas e descargadas nas súas instalación.

Bauxita e gas natural licuado lideran os movementos de mercadorías nos peiraos de Ferrol e San Cibrao no que vai de 2021.

O tráfico de contedores dispárase un 36,2 % mentres que o de graneis líquidos aumenta en 11,3 puntos porcentuais.

Ferrol, 7 de outubro de 2021

Nun contexto marcado pola aceleración da transición enerxética e as consecuencias da pandemia sobre a economía, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao encara o último trimestre de 2021 coa actividade en niveis levemente inferiores aos do ano pasado. Con todo, mantense entre as catro primeiras da fachada noratlántica-cantábrica, xunto ás de Bilbao, Xixón e A Coruña.

Segundo datos aínda provisionais, as empresas que operan nos peiraos de Ferrol e San Cibrao moveron de xaneiro a setembro 7.647.957 toneladas de materias primas, materiais e produtos, un 2,1 % menos que nas mesmas datas do exercicio anterior. Mentres o tráfico de mercadoría xeral disparouse un 18 % e o de graneis líquidos aumentou un 11,3 %, o de sólidos retrocedeu 9,9 puntos porcentuais.

O ranking desagregado de mercadorías transportadas no que vai de exercicio lidérano a bauxita, con 3.320.873 toneladas computadas, e o gas natural licuado, con 1.375.654. Completan o top 10 a alúmina (956.999), o fueloil (599.835), a sosa cáustica (231.479), a chatarra (187.112), a madeira (150.748), o aceiro (133.448), os aceites (86.188) e o coque (54.177).

En termos relativos, sobresaen a evolución do fueloil e do GNL, con avances, respectivamente, do 63,7 e do 38,5 % en comparación cos tres primeiros trimestres de 2020. O gas natural licuado está en niveis de récord histórico.

Destaca igualmente o comportamento do mercado dos contedores, cun progreso do 36,2 % medido en TEUs (de 8.662,5 a 11.796,5) e do 28 % calculado en toneladas (de 88.359 a 113.108).

Na súa recente toma de posesión, o novo presidente da Autoridade Portuaria, Francisco Barea, xa se marcou o reto de recuperar tráficos. Á vista dos datos, reafirmouse no seu propósito. “Gustaríame -comenta- que no medio prazo nos consolidásemos entre as principais autoridades portuarias da fachada noratlántica-cantábrica e que volvésemos ser unha autoridade portuaria na contorna do millón de toneladas mensuais, para xa no longo prazo fixar obxectivos aínda máis ambiciosos. O contexto non é o mellor, coa incerteza que se cerne sobre as electrointensivas, coas consecuencias de acelerar a transición enerxética sen activar antes o plan B e coa recuperación económica aínda a medio arrincar. E parece que haberá que cambiar algunha dinámica. Pero estou seguro de que contamos coas potencialidades suficientes para alcanzar novas metas”.