A AUTORIDADE PORTUARIA ACONDICIONARÁ O ACCESO A ILLA PANCHA HABILITANDO NOVOS ESPAZOS PARA PEÓNS E CICLISTAS
O organismo que preside Francisco Barea sacou a licitación o proxecto por un importe de case 110.000 euros e un prazo de execución de tres meses
A actuación incluirá a construción dun carril-bici, beirarrúas e aparcamentos, e restaurarase a calzada para facilitar a mobilidade sostible entre a praia de Rocas Blancas e a ponte que da entrada á illa
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao sacou a licitación a actuación para acondicionar o acceso a Illa Pancha. Trátase dunha actuación que mellorará este entorno emblemático e facilitará a mobilidade sostible no tramo cuxa titularidade corresponde ao organismo portuario. Trátase, concretamente do acondicionamento do camiño que leva ao faro, entre o acceso á praia de Rocas Blancas e o ponte de acceso á illa.
A actuación, que se realiza en coordinación co Concello de Ribadeo, habilitará novos espazos tanto para peóns como para ciclistas, facilitando así a mobilidade e mellorando a seguridade nun dos reclamos turísticos da Mariña. Para iso, o proxecto inclúe varias actuacións entre as que destacan a de ensanchar a plataforma existente ao longo dos 300 metros, titularidade do organismo portuario, para situar no marxe dereito unha senda ciclable de 2,5 metros de ancho. Tamén se habilitarán aparcamento e se restaurará a calzada existente. Ademais, substituirase o alumeado actual por outro máis estético e eficiente, instalarase unha varanda de protección na zona da explanada que dá ao acantilado para reforzar a seguridade e plantaranse novas especies arbóreas.
A Autoridade Portuaria sacou a licitación as obras a finais de xullo cun orzamento base de 109.646,80 euros, IVA incluído. O prazo para presentar as ofertas está aberto ata o 9 de agosto ás 19:00 horas. A estimación é que os traballos empecen en outono cun prazo de execución de 3 meses, polo que a nova senda podería estar dispoñible para utilizar a principios de 2024.
Con esta intervención, o organismo que preside Francisco Barea reafirma o seu compromiso coa Mariña lucense, en concreto co municipio de Ribadeo. Ademais, a intervención supón unha aposta pola mobilidade sostible, a seguridade e a mellora do entorno, ao habilitar unah senda ciclable da que poderán gozar tanto os veciños de Ribadeo como os visitantes, o que contribuirá á posta en valor dun espazo emblemático como é o Faro de Illa Pancha, mellorando a accesibilidade no entorno.