A Autoridade Portuaria abre o prazo de inscrición para que 140 persoas poidan seguir desde o mar a procesión do Carmen
O organismo portuario habilita a embarcación “Rías Altas Uno” para que a cidadanía poida acompañar na travesía á patroa das xentes do mar o próximo 16 de xullo
As persoas interesadas poderán anotarse desde mañá mércores, 25 de xuño, a través dun formulario habilitado na web da APFSC ata completar o aforo
Ferrol, 24 de xuño de 2025
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao organiza, por cuarto ano consecutivo, a procesión marítima en honra á Virxe do Carmen coa colaboración da comunidade portuaria. Consolídase así unha tradición que o organismo portuario decidiu recuperar en 2022 para honrar á patroa das xentes do mar. Deste xeito, o próximo 16 de xullo as embarcacións volverán acompañar a imaxe da Virxe nunha travesía pola ría de Ferrol. Ademais, habilitarase de novo unha embarcación para facilitar a participación da cidadanía.
Este ano habilitarase a embarcación “Rías Altas Uno” con 140 prazas para a cidadanía. As persoas interesadas en acompañar á Virxe na súa travesía polo mar deberán inscribirse, a partir de mañá mércores 25 de xuño, a través da web oficial da Autoridade Portuaria (www.apfsc.es) e encher o formulario habilitado. Ao tratarse dun aforo limitado, o prazo permanecerá aberto ata completar as 140 prazas e seguirase a orde de inscrición.
Os cidadáns que participen na travesía embarcarán entre as 19:00 e as 19:15 horas, como máximo, no espigón exterior do porto interior de Ferrol para realizar todo o percorrido pola ría. Ademais, habilitaranse espazos para poder seguir a procesión tamén desde terra. Pola súa banda, as embarcacións que queiran participar na procesión marítima, ata un máximo de 100, deberán inscribirse ata o 8 de xullo enchendo os formularios que atoparán no Club do Mar, a Confraría de Pescadores de Ferrol, o Náutico de Caranza e a Autoridade Portuaria.
Os actos do día do Carmen comezarán ás 19:00 horas coa saída da Virxe en procesión desde a capela do Arsenal. Ás 19:30 horas dará comezo a procesión marítima pola ría que durará aproximadamente unha hora e incluirá a ofrenda floral para volver a continuación ao porto de Ferrol. Desde aí a imaxe da Virxe sairá de novo en procesión cara á igrexa da nosa Señora do Socorro.