A ARTISTA ROSA SALANOVA CONVIDA A DESCUBRIR NOVOS HORIZONTES A TRAVÉS DA EXPOSICIÓN “DIMENSIÓNS DE LUZ”
A mostra podese visitar na Sala Curuxeiras do 8 ao 17 de marzo e reúne unha vintena de óleos da pintora ferrolá
Os cadros, con predominio das gamas de azul e magenta, buscan transmitir serenidade e equilibro fronte o vórtice do día a día
Ferrol, 7 de marzo de 2024
A artista ferrolá Rosa Salanova leva as súas “Dimensións de luz” á Sala Curuxeiras do porto de Ferrol. Son ao redor dunha vintena de óleos que a autora presenta como “un traballo de exploración interior a través da pintura”. O público que acuda a visitar a mostra atoparase con “imaxes evocadoras de mundos sutís” nas que predominan as distintas gamas de azuis e magenta que buscan transmitir “calma, serenidade e equilibrio”.
A exposición abre ao público o 8 de marzo e poderá visitarse ata o 17 de marzo en horario de 12:00 a 13:30 horas e de 18:00 a 20:00 horas.
A obra, que Rosa Salanova define como “figurativa oleística”, convida a saír do vórtice do día a día e entrar noutro plano. A autora ten claro que a pintura é un medio de expresión que permite que a xente se redescubra a si mesma. “Un cadro é como unha xanela. Ábrela e podes contemplar outros mundos”, explica a artista.