A exposición “Cosmos” poderase visitar do 4 ao 16 de maio no faro de Cabo Prior

A natureza e os rostros son os dous protagonistas destas obras

 

A artista Emma Pillado traerá á sala multiusos do faro de Cabo Prior a súa primeira exposición de pintura. Tras traballar toda a súa vida como florista, Pillado decide dar o paso de dedicarse á pintura, algo que sempre lle apaixonou, e faino cunhas obras que homenaxean a seus pais.

Cosmos, o título da exposición, non só fai referencia ao mundo creativo da artista, se non que tamén alude a unhas pequenas flores que reciben o mesmo nome e teñen olor a chocolate. “Hai unha frase que di ‘cando confiei en min mesma saíronme ás’ e identifícome moito con ela. Cando me afastei do meu anterior traballo é cando empecei a confiar en min. Foi como un rexurdir e dinme conta de todo o que teño porque antes era moi autoesixente e non me permitía pasar tempo coa xente”, afirma Emma Pillado.

Na exposición poderanse ver cadros feitos con acuarela, pero tamén haberá óleos e algún acrílico. A artista, que traballou toda a súa vida coas flores, inspirouse na natureza, pero tamén nas miradas e rostros.

A exposición inaugurarase mañá, mércores 4 de maio, ás 18:00 horas. As obras estarán no faro de Cabo Prior ata o día 16 e o horario de visita será de 18:00 a 21:00 horas.

Mostra na Sala de Exposicións

Pola súa parte, a exposición coas imaxes presentadas ao concurso de fotografía “Puerto y Ciudad” estará aberta ao público ata o 8 de maio. O horario de visitas é de luns a venres de 18:00 a 20:00 horas.

As fotos presentadas mostran a visión que os máis novos teñen das instalacións portuarias e da súa actividade. Todas elas son orixinais e foron realizadas por persoas de entre 12 e 17 anos.