A ARTE FIGURATIVA E A ABSTRACTA ÚNENSE NA NOVA EXPOSICIÓN DO PORTO DE FERROL
“Da figura á abstracción II” abrirá as súas portas mañá ás 12:00 horas na Sala de Exposicións sita no peirao de Curuxeiras
Esta mostra colectiva estará formada por 37 obras de pintura, gravados e esculturas de 28 creadores galegos contemporáneos.
Ferrol, 7 de agosto de 2019
Da figura á abstracción II é a nova exposición da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao que recorre dous dos movementos máis importantes da historia da arte. Un diálogo entre os cadros figurativos e as obras máis abstractas a través da mirada de 28 artistas galegos e un total de 37 obras de pintura, gravados e esculturas. A mostra abrirá as súas portas mañá ás 12:00 horas e poderase visitar na Sala de Exposicións sita no peirao de Curuxeiras ata o próximo 29 de agosto, en horario de luns a venres de 17:00 a 21:00 horas.
O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Manuel Vilariño Anca, conta que esta exposición “é unha representación plural da arte contemporánea galega, cunha mostra significativa das dúas correstes artísticas máis importantes da historia da arte universal e é unha magnífica ocasión para coñecer e gozar desta variedade de representacións”. Pola súa parte, o comisario da mostra, Pedro Taboada afirma que este conxunto de obras “indaga no contraste ente as dúas correntes artísticas máis representativas da historia da arte”.
Nesta exposición colectiva participan os artistas: Francisco Ascón, Eduardo Baamonde, Pedro Bueno, Rosa Elvira Caamaño, Jorge Cabezas, Manuel Carballeira, Emilio Celeiro, Jorge Espiral, Manuel Gandullo, Javier Garaizábal, Mario Granell, José Ramón Iglesias, Ángeles Jorreto, Omar Kessel, Siro López, Miguel Ángel Macía, José Luis Martínez, José Eduardo Martínez, Manuel Mampaso, Mª Luisa Rojo-Novais, Manuel Patinha, José Manuel Peña, Paco Pestana, Celestino Poza, Rafael Romero, Isabell Seidel, Alfonso Sucasas e Sergio Vázquez.