• O proxecto enmárcase dentro do obxectivo do ente que preside Indalecio Seijo de fomentar o uso das enerxías renovables nas súas instalacións
  • Ghenova, con ampla experiencia no sector, encargarase de levar a cabo os avances en dixitalización de sistemas, de operacións e de infraestruturas

Ferrol, 24 de xuño de 2021

Co obxectivo de ir cara a un porto verde centrado no uso de enerxías renovables, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e Ghenova chegaron a un acordo para colaborar nun proxecto piloto innovador que facilite o uso deste tipo de enerxías na mobilidade interior e que potencien na zona portuaria, tanto marítima como terrestre, o uso de enerxías verdes e os novos combustibles.

Neste sentido, Ghenova impulsará neste proxecto os avances en dixitalización de sistemas, de operacións e de infraestruturas. Este acordo de colaboración recolle tamén a proposta por parte da compañía de impulsar novos proxectos explorando as diferentes opcións de financiamento destes a través de convocatorias existentes para proxectos de I+D+i.

Con máis de 12 anos apostando polo desenvolvemento tecnolóxico e a investigación, como estratexia para manterse á vangarda das tecnoloxías de deseño e para desenvolver novos produtos e negocios, Ghenova alíñase cos vectores de investigación para a descarbonización e a transformación dixital nos sectores de Enerxía, Industria, Naval, Defensa e Infraestruturas.

Ghenova conta con máis de 25 proxectos de I+D desenvoltos con apoio financeiro de organismos privados e públicos como CTA, CDTI e a CE (Horizonte 2020) e con experiencia en liderar consorcios para proxectos de I+D+i.