A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao participa na reunión anual do sistema portuario de titularidade estatal
O presidente da APFSC, José Antonio Álvarez Vidal, e o director do organismo portuario asisten ao encontro organizado por Portos do Estado que este ano se celebra en Avilés
Ferrol, 22 de setembro de 2026
O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, José Antonio Álvarez Vidal, e o director do organismo portuario, José Ignacio Villar participan na reunión anual de traballo e coordinación dos máximos responsables do sistema portuario de interese xeral, organizada por Portos do Estado.
No encontro, que se celebra hoxe e mañá en Avilés, abórdanse temas orientados a reforzar a competitividade do sistema portuario de titularidade estatal. A reunión foi inaugurado polo secretario de Estado de Transportes e Movilidad Sostenible, José Antonio Santano, acompañado polo presidente de Portos do Estado, Gustavo Santana, e o presidente da Autoridade Portuaria de Avilés, Santiago Rodríguez.
Durante a reunión, reivindicaron o compromiso coa descarbonización e a dixitalización que está apoiado cun forte investimento dirixido á optimización e modernización das infraestruturas da rede portuaria do país. Cabe lembrar que o investimento previsto para 2027 é de máis de 1.500 millóns de euros no conxunto do sistema portuario, que ascende a máis de 7.000 millóns ata 2030.
No encontro de presidentes e directores de Portos do Estado e o sistema portuario tratáronse, entre outros temas, os avances en temas clave como a revisión da Directiva sobre emisións que está a levar a cabo a Unión Europea, e as achegas do Observatorio EU-ETS lanzado polo organismo, que alertan dos efectos non desexados para a competitividade dos portos; os plans de protección de portos ou a proxección internacional dos portos españois e especialmente a creación dun Foro Iberoamericano de Portos.
