O presidente do organismo portuario, José Antonio Álvarez, e o director rexional de GPH para o Mediterráneo Occidental, Francesc Grau, interveñen no evento que se celebra o mércores no stand de Puertos del Estado

A Seatrade Cruise Med 2026 reúne nas Palmas aos principais executivos das compañías de cruceiros do mundo

Ferrol, 15 de setembro de 2026

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao leva a presentación da terminal de cruceiros á feira sectorial máis importante de Europa, a Seatrade Cruise Med 2026, que se celebra nas Palmas o 16 e 17 de setembro. O organismo portuario promocionará así Ferrol como destino de cruceiros nun evento realizado de xeito conxunto con Global Ports Holding, un dos maiores operadores de cruceiros do mundo ao que se lle outorgou a concesión para a construción e xestión da terminal para os próximos 30 anos. Con este acto, o organismo portuario e Global Ports Holding volven dar visibilidade a unha alianza que transformará o porto de Ferrol e impulsará o turismo de cruceiros. Un turismo que xera un gran valor engadido polo que supón de dinamización da economía local e de promoción de Ferrol a nivel internacional.

O presidente da Autoridade Portuaria, José Antonio Álvarez, e o director rexional de GPH para o Mediterráneo occidental, Francesc Grau, serán os encargados de realizar a presentación mañá, 16 de setembro. Será ás 11.15 horas _hora canaria_ no stand de Puertos del Estado ante representantes das distintas autoridades portuarias e do sector do turismo de cruceiros.