O organismo portuario afronta un exercicio de transición cara a un novo modelo no que os graneis líquidos e as enerxías renovables permitirán superar a desaparición do carbón

A finalización da obra do ferrocarril co impulso á terminal de contedores, a implantación de novas empresas e os proxectos enerxéticos favorecerán o crecemento de tráficos no próximo ano

Ferrol, 20 de xaneiro de 2025

A Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao afronta un exercicio decisivo cara a un novo modelo que permita superar a perda de tráficos tan importantes como o carbón e o descenso experimentado na Mariña pola incerteza de Alcoa. Neste sentido, espérase un novo ano de transición, cunha lixeira recuperación dos tráficos, especialmente de graneis líquidos, que situarían o movemento de mercadorías ao redor dos nove millóns de toneladas. Un dato que, segundo os obxectivos recolleitos no plan de empresa, incrementaríase a 12.272.000 de toneladas en 2026 e estabilizaríase en 2027 e 2028 cunha previsión de 12.435.000 e 13.196.000 respectivamente.

A Autoridade Portuaria fíxase así o 2026 como o ano no que comezará a reflectirse a consolidación de proxectos que permitirán superar o anterior modelo enerxético, cun gran peso dos combustibles fósiles, cara a unha aposta polas novas enerxías. Ese novo modelo baséase en tres piares fundamentais. O primeiro, a finalización e posta en marcha do ferrocarril que comunicará o porto interior e o exterior, así como a renovación das vías interiores. Isto supoñerá un punto de inflexión para as dársenas ferrolás que permitirá o movemento de novos tráficos. A infraestrutura dará un impulso á competitividade da terminal de contedores de Yilpot, neste momento en desenvolvemento. Así mesmo, favorecerá tamén outro dos puntos fortes do porto en Ferrol, os graneis líquidos. Prevese un incremento nos próximos anos xa que, aos tráficos actuais, sumaranse os dous investimentos en marcha no porto exterior de Ferrol, as obras de Terminais Líquidos de Ferrol e o investimento de Masol. Deste xeito, a previsión é chegar aos catro millóns de toneladas no 2026.

Por último, o desenvolvemento dos proxectos relacionados coas enerxías renovables e a implantación de novas empresas do sector permitirán abrir un novo modelo de negocio que ademais xerará valor engadido en toda a comarca.

Actualmente a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao traballa no desenvolvemento da estratexia de futuro que permita culminar o proceso de descarbonización que supuxo a desaparición do que fose o principal tráfico das dársenas dependentes do organismo portuario, o carbón. Así mesmo, permitirá compensar o descenso experimentado en San Cibrao polas incertezas de Alcoa que moveu 3,1 millóns de toneladas en 2024, moi por baixo dos 5,7 millóns que contabilizaba o porto da Mariña lucense nos anos anteriores.

Son dous aspectos que provocaron, entre outras circunstancias, unha contracción dos tráficos, que no pasado 2024 movéronse nos 6,7 millóns de toneladas. Unha cifra que supón un 21 % menos que o exercicio anterior, debido a unha redución nos graneis líquidos e da actividade da terminal de contedores, que se viu afectada pola conxuntura xeopolítica actual. Así, movéronse 2.284.345 de toneladas de graneis líquidos, fronte aos 3.641.606 do 2023. A mercadoría xeral quedouse en 673.200 toneladas (un 32 % menos), mentres que os graneis sólidos han experimentado un bo comportamento. Mantivéronse nos 3,7 millóns, fronte aos 3,8 do anterior exercicio, 100.000 toneladas menos.

Para este 2025 as perspectivas son as dunha melloría que devolverá o movemento á contorna dos nove millóns, cunha recuperación dos graneis líquidos e o arranque dos novos proxectos que terán un reflexo para partir do próximo exercicio, consolidando así a etapa de transición do porto.