Centro interpretativo Cabo Prioriño

O Centro Interpretativo inclúese dentro dos proxectos da Autoridade Portuaria que fomentan a relación entre o porto e os cidadáns e nace co fin de achegar ao visitante unha parte vital da historia de Ferrol: a orixe e evolución das súas baterías defensivas e a construción e integración, nese mesmo ámbito, dunha obra de gran magnitude como é o porto exterior.

O Centro Interpretativo consta do seguinte:

  • O Edificio Interpretativo, que alberga unha exposición permanente sobre a evolución do ámbito, as baterías defensivas e a expansión do porto de Ferrol.
  • A Batería de Punta Viñas, creada en 1739, destaca polo seu valor histórico e simbólico. O Porto recuperou de forma integral o antigo fortín existente na zona e que fora desmontado en 1994. Foi recolocada peza a peza ata a súa situación actual. Agora pódese contemplar coa súa estrutura orixinaria un edificio que albergaba un pequeno cuartel, a polvoreira e a estanza denominada bala vermella, na que se quentaban as balas antes de ser disparadas.
  • A Batería de Prioriño Chico, fortificación de gran valor histórico que data do século XVIII, e que foi recentemente rehabilitada e posta en valor.
  • Un observatorio ornitolóxico, como punto de observación de aves mariñas e migratorias e dende onde se pode gozar dunhas maxestosas vistas.
  • O Faro Prioriño, que completa a beleza deste ámbito.