.:: Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao ::.

Botón Contratación e Licitacións
Botón Emprego
Usuarios Rexistrados

Autoridade Portuaria

Novas

As instalacións náuticas de Caranza están listas para o goce dos cidadáns
[17/06/2011] Autoridade Portuaria

PÚXOSE EN SERVIZO A PRIMEIRA FASE CON 134 PRAZAS DE AMARRE


O ALCALDE DE FERROL, JOSÉ MANUEL REY E O PRESIDENTE DA AUTORIDADE PORTUARIA, ANGEL DEL REAL, INAUGURARON ESTA MAÑÁ O PROXECTO

O PORTO DE FERROL CUMPRE ASÍ O seu COMPROMISO CO BARRIO DE CARANZA PARA A MELLORA DA NÁUTICA RECREATIVA

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao inaugurou hoxe as instalacións náuticas de Caranza nun acto presidido polo alcalde de Ferrol, José Manuel Rey, e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Angel del Real. O proxecto contempla, nesta primeira fase que entra hoxe en servizo, a creación de 134 prazas de amarre que se verán incrementadas en máis de 300 en fases posteriores. O acto, no que se descubriu unha placa conmemorativa, contou tamén coa presenza da "madriña" do proxecto, María del Pilar Rodríguez Venancio, que impulsou o mesmo na súa etapa de presidenta da Asociación de Vecinos de Caranza.

 

O proxecto, desenvolto pola empresa Ronáutica S.A. e cun orzamento de 302.655 euros (sen IVE), finalizou a primeira das tres fases previstas. Os traballos consistiron na colocación, ao abrigo do dique que pecha a ensenada polo sur, dun pantalán nai de 72 metros de longo por 2,5 metros de ancho, do que parten catro pantaláns flotantes perpendiculares de 50x2 metros con capacidade para albergar un total de 134 embarcacións de 6 a 8 metros de eslora. Instalouse tamén unha porta para o control de accesos.

 

Con esta iniciativa o Porto de Ferrol cumpre un dos seus obxectivos primordiais dentro das accións que teñen que ver coa cidadanía e a mellora das instalacións náuticas e de recreo, unha promesa asumida polo propio presidente ao ocupar o seu cargo en 2009, na liña cos obxectivos da Xunta de Galicia de Alberto Núñez Feijoó, e iniciado xa na súa anterior etapa. "Esta fase que inauguramos hoxe, a primeira de tres, supón a consecución dun proxecto que é sen dúbida un dos maiores compromisos da Autoridade Portuaria", recoñeceu Anxo do Real.

 

Desde o Porto foméntase, con esta e outras accións, a relación cos ferroláns apoiando a náutica recreativa e dotando á cidade das infraestruturas e servizos necesarios para que os cidadáns gocen do encanto da súa ría e o seu porto. Ademais, este tipo de actuacións promoven a atracción de turismo que xere actividade na cidade e comarcas.

Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao