A oferta presentada ao concurso da terminal de colectores de Ferrol pola empresa Ferrol Container Terminal foi admitida a trámite pola Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao tras a apertura de sobres levada a cabo esta mañá.
"Ferrol Container Terminal", pertencente á compañía portuguesa Terminal de Colectores de Leixöes (TCL) vinculada ao importante grupo empresarial Mota-Engil, foi a proposta recibida a concurso cuxo prazo de recepción de ofertas finalizou a semana pasada. O mencionado grupo ten gran experiencia a nivel internacional en xestión de terminais de colectores e de toda a cadea loxística. Tras a apertura de sobres e a revisión de documentación e cumprimento das esixencias expostas no prego, a oferta pasará a comisión técnica onde será analizada con detalle.
O prego do concurso esixía, entre outros asuntos, que os candidatos demostrasen a súa experiencia no sector, acompañasen a proposta dun importante aval e asumisen un compromiso de investimento e de desenvolvemento da terminal para o seu inicio de operacións xa en 2012. A oferta recibida cumpre estas premisas xa que o grupo empresarial que está detrás da proposta conta con ampla experiencia no sector de colectores e está presente en países como Perú, Rusia, Brasil ou a India.
A terminal de colectores a implantar no Porto Exterior será unha terminal oceánica, adecuada para dar servizo aos maiores buques portacontedores do mundo, cunha superficie de 30 hectáreas e unha atracada de 20 metros de calado.
Impulso económico para a zona
A futura terminal é froito do esforzo comercial e de xestión levado a cabo pola Autoridade Portuaria co apoio da Xunta de Galicia a través da oficina do Plan Ferrol dirixida por Alejandro Langtry. Ademais, conta co compromiso expreso do presidente Alberto Núñez Feijoó para o apoio a esta terminal ao ser estratéxica para Galicia. Supón un gran impulso para a zona, xa que creará actividade por si mesma e aumentará a competitividade das empresas de Ferrol e as súas comarcas, incrementando o atractivo para o asentamento de novas empresas e industrias. Ademais, nace coa ambición de converterse nun referente do tráfico de colectores no Atlántico sur europeo como hub e como gateway da península ibérica neste océano.