O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao, Angel del Real, anunciou esta mañá que se recibiu unha oferta para o concurso da terminal de colectores do Porto Exterior, cuxo prazo de recepción de propostas finalizou o pasado venres 13. Trátase da empresa "Ferrol Container Terminal". A apertura de sobres levará a cabo o vindeiro venres 20 de maio, para posteriormente revisar a documentación e que a formulación da proposta cumpra as esixencias expostas no prego.
Angel del Real quixo hoxe mostrar a súa satisfacción xunto a Alejandro Langtry, director da oficina do Plan Ferrol da Xunta de Galicia, ante este importante paso e asegurou que foron moitas as mostras de interese das empresas durante os últimos meses e varias as que analizaron en profundidade o presentarse ao concurso. "O prego do concurso-sinalou o presidente- era moi esixente e pedía que os candidatos demostrasen a súa experiencia no sector, acompañasen a proposta dun importante aval e asumisen un compromiso de investimento e de desenvolvemento da terminal para o seu inicio de operacións xa en 2012".
O presidente do porto quixo agradecer á Xunta de Galicia o seu apoio e colaboración "clave" para sacar adiante este proxecto. Pola súa banda, Alejandro Langtry fixo referencia á inxección que a futura terminal suporá: "Mellorará a competitividade para as empresas de Ferrol e as súas comarcas e sen dúbida será un gran respaldo para a captación de investimentos que xeren actividade e emprego para a zona".
Con este importante paso que senta as bases da terminal e, co necesario desenvolvemento do ferrocarril, Ferrol albergará unha gran terminal oceánica sendo referente da fachada atlántica europea.