As instalacións náuticas de Caranza estarán operativas a finais deste mes
[02/05/2011] Autoridade Portuaria
|
Os USUARIOS PODERÁN GOZAR DOS PANTALÁNS ESTE VERÁN
O PROXECTO QUE A AUTORIDADE PORTUARIA DE FERROL-SAN CIBRAO ESTÁ LEVANDO A Cabo NA ENSENADA AVANZA A Buen RITMO E SEGUNDO Os PRAZOS PREVISTOS
A ACTUACIÓN CONTEMPLA A CREACIÓN DE 134 PRAZAS DE AMARRE NUNHA PRIMEIRA FASE
|
|
As obras de construción das instalacións náuticas na ensenada de Caranza avanzan a bo ritmo e, segundo as previsións da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, finalizarán a finais de maio para que os usuarios gocen delas durante o verán.
O proxecto contempla nunha primeira fase a creación de 134 prazas de amarre que se verán incrementadas ata máis de 300 en fases posteriores. Ata a data instaláronse xa os módulos do pantalán de atracada e nestes momentos os traballos que restan son os correspondentes ao pantalán de repartición e ao acceso desde terra a esta estrutura, así como as canalizacións de servizos.
Durante esta primeira fase levouse a cabo a colocación dun pantalán nai de 72 metros de longo por 2,5 metros de ancho. Del, saen catro pantaláns flotantes perpendiculares de 50x2 m con capacidade para albergar un total de 134 embarcacións de 6 a 8 metros de eslora. Ademais, instalarase unha porta no control de accesos.
Con esta iniciativa, que desenvolve a empresa Ronáutica S.A. e conta cun orzamento de 302.655 euros (sen IVE) o Porto de Ferrol cumpre un dos seus obxectivos primordiais dentro das accións que teñen que ver coa cidadanía e a mellora das instalacións náuticas e de recreo, un compromiso asumido polo propio presidente, Anxo do Real, ao ocupar o seu cargo en 2009, na liña cos obxectivos do goberno da Xunta de Galicia, e iniciado xa na súa anterior etapa.
|
|