A Autoridade Portuaria edita un libro sobre os gobernadores militares de Ferrol
[11/04/2011] Autoridade Portuaria
|
MANUEL GONZÁLEZ GUTIÉRREZ É O AUTOR DE "O GOBERNO MILITAR DE FERROL E OS SEUS GOBERNADORES", PRESENTADO NUN ACTO QUE CONTOU COA PRESENZA DE TERESA PORTO, DIRECTORA DA FUNDACIÓN CAIXA GALICIA, EMILIO BRUQUETAS, DIRECTOR DE REGANOSA E ANGEL DEL REAL, PRESIDENTE DO PORTO
|
|
A Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao presentou este fin de semana o libro "O Goberno militar de Ferrol e os seus Gobernadores", escrito polo escritor e historiador Manuel González Gutiérrez e editado polo Porto en colaboración coa Fundación Caixa Galicia e Reganosa. A obra ten por obxecto, segundo o propio autor, "achegarse á figura dos gobernadores militares, en ocasións gobernadores político e militar, que desempeñaron un papel fundamental na historia de Ferrol,".
No acto de presentación do libro, levado a cabo na FIMO, participaron, ademais do autor, a directora da Fundación Caixa Galicia, Teresa Porto; o director de Reganosa, Emilio Bruquetas; e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol, Angel del Real.
"O Goberno Militar de Ferrol e os seus Gobernadores" é unha aproximación histórica ao papel que desempeñaron no pasado, entre 1734 e 1992, o Goberno Militar e os responsables que estiveron á fronte da institución durante máis de dous séculos e que, ao longo das súas vidas, contribuíron a escribir moitas das páxinas máis substanciais da historia ferrolana.
A lectura do libro permite descubrir pouco a pouco as claves da orixe do Goberno Militar da praza de Ferrol e o seu desenvolvemento, a raíz do nomeamento da cidade, en 1726, como cabeceira do Departamento Marítimo do Norte de España.
Grazas a esta profunda investigación e á capacidade de análise do historiador, a obra transmite a importancia que alcanzou a figura do gobernador militar, encargado de establecer as defensas da ría de Ferrol, á vez que recupera impresionantes vestixios do pasado con importantes datos e curiosidades da historia ferrolana e da comunidade galega.
Angel del Real quixo destacar o excelente traballo do autor e agradecer o seu esforzo e o seu labor de investigación no desenvolvemento deste proxecto "unha grande obra que gozarán enormemente os amantes da historia e da nosa cidade".
|
|