.:: Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao ::.

Botón Contratación e Licitacións
Botón Emprego
Usuarios Rexistrados

Autoridade Portuaria

Novas

Ferrol consolídase como escala de cruceiros
[25/03/2011] Autoridade Portuaria

CINCO BUQUES FARÁN ESCALA DURANTE O PRESENTE EXERCICIO E PREVENSE QUE SEXAN MÁIS DE DEZ DE CARA A 2012

O 25 DE ABRIL, DOUS TRASATLÁNTICOS VISITARÁN A CIDADE, UN DELES O INDEPENDENCE OF THE SEXAS. AMBOS OS DOUS TRAERÁN A FERROL MÁIS DE 5000 VISITANTES

TRAS ANALIZAR O INTERESE DAS NAVIEIRAS E OPERADORES, A RADA FERROLANA PREPARA UN PROXECTO PARA AMPLIAR A LIÑA DE ATRAQUE E CREAR UNHA TERMINAL DE PASAXEIROS

A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao deu un paso moi importante na súa estratexia de relanzamento da dársena como escala de cruceiros. Esta mañá, Ángel del Real, presidente da Autoridade Portuaria, anunciaba que no presente exercicio o Porto de Ferrol recibirá a visita de cinco cruceiros, dous deles, por primeira vez na historia da dársena, o mesmo día.

Este fito será o próximo 25 de abril cando recalen na cidade dous trasatlánticos sendo un deles o "Independence of the Seas", o máis grande dos que atracan en augas galegas. O buque, pertencente á navieira Royal Caribbean, unha das máis importantes do mundo, traerá a Ferrol máis de 4.000 pasaxeiros que unidos ao segundo buque que visitará a cidade, o Voyage of Discovery, sumarán máis de 5.000 visitantes nun só día. Para esta gran xornada levarase a cabo un plan especial xunto ao comercio e hostalaría co fin de sacarlle rendemento turístico. Trabállase xa na oferta de excursións que ademais das habituais, incluirá un percorrido polo Arsenal Militar, un dos aspectos máis atractivos.

Ademais, durante o presente exercicio a dársena recibirá tres escalas máis, dúas delas en setembro e unha no mes de decembro.

 

Récord de cara a 2012
De cara ao próximo ano as expectativas son moi positivas e, aínda que o Porto non pode adiantar aínda datas, está previsto bater o actual récord de visitas (6) e que cheguen a Ferrol máis de 10 cruceiros. Este importante paso na estratexia do porto é froito da negociacións alcanzadas durante o último ano e, recentemente, na Seatrade Cruice Shipping de Miami, onde se pecharon acordos coa compañía Saga -que novamente apostou por Ferrol- e Fred Oldsen.

"O mercado de cruceiros por fin puxo os ollos sobre Ferrol como é debido - recoñece o presidente da Autoridade Portuaria, Anxo do Real- envorcámonos para que isto saíse adiante acudindo ás citas sectoriais máis importantes e reuníndonos con navieiras e operadores de todo o mundo ás que presentamos as calidades e atractivos de Ferrol e as súas bisbarras ademais das vantaxes que ofrece ás navieiras".

A relevancia de gañar terreo neste campo céntrase, fundamentalmente, "na gran repercusión económica e turística que exerce na zona", recoñeceu o presidente do Porto, "esa foi a nosa principal motivación".


Proxecto de mellora das instalacións

Ante o interese que están a demostrar as compañías de cruceiros e o asentamento de Ferrol no sector, o Porto levou a cabo un estudo baseado tanto nas necesidades da cidade, coma nas demandas e intereses das compañías de cruceiros. É por iso que, segundo anunciou hoxe Angel del Real, se iniciará un plan para a mellora das instalacións. O obxectivo será adaptalas a buques de maior tamaño e mellorar os servizos con vistas ao incremento de escalas previstas e á recepción de varios miles de visitantes cada ano. O proxecto, que contempla a ampliación da liña actual de atraque e a creación dunha terminal de pasaxeiros, será considerado no próximo plan de empresa.

Estes acordos poñen de manifesto a importante aposta que está a realizar o Porto polo tráfico de cruceiros e o forte impulso que lle están a dar ao seu desenvolvemento.

 

 

Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao