A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao regresou de Miami con boas perspectivas para a cidade. Tras a súa participación na Seatrade Miami, onde se mantiveron reunións coas principais navieiras e touroperadores internacionais do sector crucerístico, os responsables da dársena recoñecen que existe un importante interese por coñecer e afondar nas características e calidades de Ferrol e as súas bisbarras como destino de cruceiros. Espérase que, froito da estratexia na que se encontran inmersos e os últimos contactos realizados, se poidan ofrecer pronto boas noticias para Ferrol e as súas bisbarras.
O porto ferrolano está a realizar unha grande aposta polo tráfico de cruceiros e este ano un dos principais obxectivos da súa participación na cita estadounidense foi dar un forte impulso ao seu desenvolvemento. Para os representantes da Autoridade Portuaria, a relevancia de gañar terreo neste campo céntrase, fundamentalmente, na gran repercusión económica e turística que exerce na zona.
Durante estes encontros, nos que contaron como sempre coa colaboración da oficina do IGAPE en Miami, destacáronse os atractivos turísticos únicos de Ferrol e as súas bisbarras, como o Arsenal e o sistema defensivo da ría do século XVIII, a súa impresionante entrada entre castelos ou a peregrinación mariñeira a San Andrés de Teixido, entre outros moitos.