O Porto de Ferrol recibe o selo EFQM de Excelencia Europea en Xestión 400 +
[11/03/2011] Autoridade Portuaria
|
É A CUARTA AUTORIDADE PORTUARIA DE ESPAÑA EN RECIBIR ESTA DISTINCIÓN
ENRIQUE LAIO, DIRECTOR DE RELACIÓNS INSTITUCIONAIS DE BUREAU VERITAS, ENTREGOU ESTA MAÑÁ A CERTIFICACIÓN AO PRESIDENTE DO PORTO, ANXO DO REAL
|
|
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao recibiu o recoñecemento EFQM de Excelencia Europea na Xestión cunha puntuación de 400 +. O director de Relacións Institucionais da entidade certificadora Bureau Veritas, Enrique Quejido, entregou esta mañá ao presidente do Porto, Anxo do Real, o documento que supón un recoñecemento externo á eficacia do Porto de Ferrol no seu modelo de xestión da calidade.
O selo certifica o alto nivel dos servizos prestados polo Porto aos distintos sectores empresariais, así como a magnitude da súa infraestrutura e proxectos, e a profesionalidade dos seus traballadores. A puntuación foi outorgada hai uns meses tras a visita ao porto dun grupo de avaliadores que levaron a cabo unha análise dos puntos fortes do porto, destacando entre eles a xestión eficaz dos seus servizos e a alta implicación do equipo. Como resultado deste estudo, a Autoridade Portuaria recibiu unha puntuación que a sitúa no Nivel de Excelencia Europeo 400 +.
No contexto do sistema portuario español tan só as Autoridades Portuarias de Gijón, Castelló, Cádiz, e agora a de Ferrol-San Cibrao, obtiveron esta distinción.
Mellora constante A adopción do Modelo EFQM de Excelencia permite á Autoridade Portuaria a incorporación de melloras constantes na xestión e a capacidade para medir o avance logrado. Esta optimización nos seus procesos, reflíctese tamén en aspectos concretos, como a potenciación do Porto en mercados internacionais, mediante a presenza continua en foros internacionais do sector portuario e a constitución de alianzas con distintos axentes económicos e organismos oficiais.
Ademais a obtención do selo é de grande utilidade para a estratexia de captación de clientes que impulsa o crecemento da actividade portuaria, perseverando na demanda de melloras nos accesos por estrada ou ferrocarril ao porto, dispoñibilidade de zona industrial, etc.
|
|