A Autoridade Portuaria pon en marcha o concurso a terminal de colectores do Porto Exterior de Ferrol
[11/03/2011] Autoridade Portuaria
|
O CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN DA AUTORIDADE PORTUARIA DE FERROL-SAN CIBRAO APROBOU ESTA MAÑÁ OS PREGOS E A CONVOCATORIA DO CONCURSO DA CONCESIÓN
|
|
A Autoridade Portuaria de Ferrol -San Cibrao puxo en marcha o proceso para sacar a concurso a concesión da terminal de colectores do Porto Exterior, noticia que esta mesma semana anunciaba o Conselleiro de Economía, Javier Guerra, a Conselleira do Mar, Rosa Quintana e o presidente do Porto, Anxo do Real. Esta mañá, nun consello de administración extraordinario, aprobábanse os pregos e a convocatoria do concurso, seguindo os trámites definidos na lexislación portuaria para este tipo de concesión de terminal pública asociada a un servizo portuario básico. A terminal de colectores a implantar no Porto Exterior será unha terminal oceánica, axeitada para dar servizo aos maiores buques portacolectores do mundo, e con atraque, con 20 metros de calado, e superficie abondo para converterse en porto hub de tráficos do Sur do Atlántico europeo. En canto á súa faceta de porto para importación e exportación, unha terminal de colectores en Ferrol implicará unha mellora substancial na competitividade das empresas do hinterland e facilitaría a atracción de novas actividades e investimentos á zona, coa consecuente xeración de beneficios económicos e sociais directos e indirectos. O concurso está definido por un prego aberto ás propostas de calquera empresa nacional ou internacional cun proxecto serio de desenvolvemento desta. A parcela obxecto de concesión ten un total dunhas 30 hectáreas, sen contar a zona pública de peirao. Con este proxecto, de gran relevancia para o futuro de Ferrol e o seu porto, comézase a materializar o esforzo realizado de xeito conxunto pola Autoridade Portuaria e a Xunta de Galicia, en especial a través da oficina do Plan Ferrol do IGAPE, que desenvolveron durante os últimos meses un intenso labor de comercialización e xestión.
|
|