O Porto Exterior de Ferrol recibiu esta mañá a visita da conselleira do Mar, Rosa Quintana, con motivo da recente posta en servizo de novo Centro de Coordinación de Servizos (CCS). Estivo acompañada do presidente da Autoridade Portuaria, Ángel del Real; o delegado provincial da Xunta de Galicia, Diego Calvo e outras autoridades.
Durante a visita a Policía Portuaria e técnicos do porto ferrolano explicaron á conselleira o funcionamento e as características deste edificio dotado da máis moderna tecnoloxía e que se encarga da coordinación do control e xestión do tráfico marítimo e terrestre, así como da seguridade dos peiraos e superficies da rada exterior.
O CCS, situado no morro do dique de abrigo, ten un deseño triangular que imita o logotipo da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e consta de planta baixa, dous pisos e terraza. É na segunda planta, que ofrece unha ampla panorámica da dársena interior e a bocana da ría, onde se encontra o Centro de Control, vinculado ao xa existente no Porto Interior, que seguirá exercendo de punto de referencia para a Seguridade Portuaria. Ambos os dous edificios están dotados de tecnoloxía punteira con sistemas, entre outros, CCTV (circuíto pechado de TV que permite observar a totalidade da dársena); postes SOS, xestionados dende o Centro de Control; programa de detección perimetral; comunicación VHF marítima e terrestre. Tamén nesta planta hai espazos dedicados aos Prácticos do Porto, a Policía de Fronteiras e outros servizos portuarios.
O resto de plantas albergan distintas salas técnicas e almacéns para a Policía Portuaria e o Departamento de Conservación e Mantemento (planta baixa); sala para Gabinete de Crise e vestiarios da Policía (primeira planta); terraza e salas técnicas (terceira planta).
Recordo a Alberto Martínez Pardo
O CCS leva o nome do enxeñeiro ferrolano Alberto Martínez Pardo, falecido en 2009, un dos artífices do Porto Exterior e deste edificio. Alberto Martínez, traballou á fronte da obra principal de construción do Porto Exterior de Ferrol como xerente, e dentro da organización da UTE adxudicataria desta. A súa implicación e valía profesional e persoal foi clave para o éxito na construción desta grande infraestrutura. Na visita estiveron presentes os seus irmáns.
O presuposto destinado ao novo CCS do Porto Exterior foi de 1,85 millóns de euros (sen IVE) e para o desenvolvemento deste contáronse con Fondos do Plan de Reindustrialización de Ministerio de Industria.
Oficinas de gardacostas da Xunta
A conselleira do Mar aproveitou a súa visita ao Porto de Ferrol para facer unha visita ás novas oficinas do servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia, sitas no Porto Interior no ámbito da dársena de Curuxeiras, e que se acaban de poñer en marcha froito da colaboración coa Autoridade Portuaria que cedeu os espazos.