.:: Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao ::.

Botón Contratación e Licitacións
Botón Emprego
Usuarios Rexistrados

Autoridade Portuaria

Novas

Ferrol sacará a concurso a concesión da terminal de colectores do Porto Exterior
[10/03/2011] Autoridade Portuaria

- A AUTORIDADE PORTUARIA DE FERROL-SAN CIBRAO LEVARÁ AO PRÓXIMO CONSELLO DE ADMINISTRACIÓN OS PREGOS E A CONVOCATORIA DO CONCURSO DA CONCESIÓN
- O CONSELLEIRO DE ECONOMÍA E INDUSTRIA, A CONSELLEIRA DOMINGO MAR E O PRESIDENTE DO PORTO ANUNCIÁRONO ESTA MAÑÁ
- O INTENSO LABOR COMERCIAL E DE XESTIÓN REALIZADA ENTRE A XUNTA DE GALICIA E O PORTO SUSCITOU INTERESE NO SECTOR PORTUARIO INTERNACIONAL

A Autoridade Portuaria de Ferrol -San Cibrao levará ao próximo Consello de Administración os pregos para sacar a concurso a concesión da terminal de colectores do Porto Exterior. Así anunciábano esta mañá na dársena ferrolana, o conselleiro de Economía e industria, Javier Guerra, a conselleira do Mar, Rosa Quintana e o presidente do Porto, Angel del Real, acompañados do delegado provincial da Xunta de Galicia, Diego Calvo, o director da oficina do Plan Ferrol do IGAPE, Alejandro Langtry e o director do Porto, Emilio García.
O importante esforzo realizado de xeito conxunto pola Autoridade Portuaria e a Xunta de Galicia, en especial a través da oficina do Plan Ferrol do IGAPE, que desenvolveron durante os últimos meses unha intenso labor de comercialización e xestión, suscitou o interese do sector portuario e navieiro internacional que ve a Ferrol como un punto interesante para desenvolver os seus proxectos loxísticos. Así, as misións realizadas serviron para chamar a atención de posibles investidores polo que o organismo decidiu iniciar o proceso e convocar un concurso aberto ao que se poderán presentar todas aquelas compañías nacionais ou internacionais que desexen levar a cabo este proxecto.
"A futura terminal de colectores supón un grande avance para a zona - sinalou o presidente da Autoridade Portuaria - xa que creará actividade por si mesmo e aumentará a competitividade das empresas de Ferrol e as súas bisbarras, ademais de aumentar o atractivo para o asentamento de novas empresas e industrias,". Tanto o Conselleiro de Economía e industria coma a Conselleira do Mar mostraron a súa satisfacción ante esta gran noticia para Ferrol e para o sistema portuario galego, así como o seu desexo de que se materialice o antes posible xerando actividade e emprego na zona.

Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao