O Porto recibiu a visita de medio centenar de alumnos do IES Fene que participan no proxecto Devhars
[24/02/2011] Autoridade Portuaria
|
A INICIATIVA QUE DESENVOLVE O CENTRO FENÉS LÉVASE A CABO CO FINANCIAMENTO DA COMISIÓN EUROPEA
O FIN DO PROXECTO É O ESTUDO DA EVOLUCIÓN DOS PORTOS EUROPEOS
|
|
O Porto de Ferrol, dentro do seu proxecto de achegar aos máis novos o funcionamento da infraestrutura e a súa repercusión no ámbito, recibiu a visita dos alumnos do IES Fene que participan no proxecto Comenius, DEVHARS (Development of European Harbours From a Historic, Economic and Environmental), financiado pola Axencia Sócrates de la Comisión Europea. Nesta actuación participan centros educativos de catro países comunitarios: Italia (Venecia), Francia (Saint André), Holanda (Rotterdan) e España (Fene). O obxectivo é o estudo do desenvolvemento histórico, económico e ambiental dos portos europeos.
Arredor de medio centenar de rapaces e rapazas, de entre 15 e 16 anos, puideron comprobar in situ o funcionamento tanto do Porto Interior coma do Exterior. A sesión formativa foi impartida por responsables da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, que achegaron aos estudantes do IES de Fene a historia do Porto de Ferrol, a súa actividade, obxectivos, así como a súa situación no contexto de tráficos marítimos mundiais.
Un grupo de compañeiros do instituto de Fene visitaron o pasado ano Venecia, onde achegaron a realidade portuaria de Ferrol aos seus homólogos italianos.
A visita enmárcase dentro da iniciativa da Autoridade Portuaria para achegar as instalacións portuarias á cidadanía e, en concreto, aos centros educativos.
|
|