A Autoridade Portuaria conclúe a posta en valor da Batería de Cabo Prioriño Chico
A FORTIFICACIÓN MILITAR, QUE DATA DO SÉCULO XVIII, COMPLETA UN CONXUNTO HISTÓRICO DE GRAN VALOR PARA FERROL
A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao finalizou a rehabilitación da Batería de Cabo Prioriño Chico. Con esta actuación ponse punto e final á posta en valor dunha fortificación de gran valor histórico que data do século XVIII e que completa, xunto ao Faro e á reconstruída Batería de Viñas, o ámbito do Centro Interpretativo de Cabo Prioriño.
A Batería, posta en servizo esta mañá, é unha mostra máis dunha parte fundamental da historia ferrolana: a vinculada ás súas defensas fronte ao mar. Sobre a primeira intervención, levada a cabo en 2004, acháronse novos restos que non estaban visibles e que fixeron que a actuación se alongase ata hoxe.
Fases da rehabilitación
As obras de escavación centráronse nunha primeira fase na fronte de mar da batería, no que ademais dos merlóns, que xa estaban á vista, se descubriron pezas do forno para arrubiar balas, plataformas de canóns e parte da rampla orixinal de descenso. Nunha segunda fase escavouse a zona superior da batería descubríndose os cuarteis, dos que antes da intervención só se tiña testemuño documental. Estas actuacións arqueolóxicas foron executadas por un equipo multidisciplinar dirixido polos arqueólogos Juan Cano e Elena Jiménez.
Como terceira fase, en 2010 levouse a cabo o proxecto construtivo de posta en valor para habilitar a batería e o ámbito de Cabo Prioriño Chico, desenvolvido pola empresa Construcións Guerreiro Somozas S.L. Os traballos centráronse na recolocación de pedras en zona de adarves, merlóns e forno da bala vermella, na que destacan os restos encontrados da cheminea; a consolidación dos muros dos cuarteis; e a pavimentación e iluminación do ámbito e mellora dos accesos. Ademais, o proxecto completouse coa instalación de paneis informativos que axudan ao visitante a interpretar o que ten ante el.
O presuposto total da intervención na Batería de Cabo Prioriño alcanza a cifra de 530.000 e conta co financiamento do Plan de Reindustrialización 2010.
Atractivo turístico
A batería de Cabo Prioriño súmase aos elementos turístico-históricos que conforman a zona creada nas inmediacións do Porto Exterior pola Autoridade Portuaria. Ademais da outra fortaleza militar, a de Punta Viñas (reconstruída pedra a pedra), encóntrase tamén o Centro Interpretativo, o observatorio ornitolóxico e o Faro de Prioriño Chico, tamén rehabilitado.
Estas iniciativas enmárcanse dentro do obxectivo da Autoridade Portuaria de fomentar e impulsar a relación entre o porto e os cidadáns e nacen co fin de achegar ao visitante unha parte fundamental da historia de Ferrol.