A Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao e o Club del Mar de Ferrol están a estreitar lazos en busca de melloras para os usuarios das instalacións de Curuxeiras e A Graña, que este club ten interese en xestionar directamente.
Un dos temas tratados é o da busca dunha solución ao incremento da taxa ao usuario orixinado pola entrada en vigor da nova Lei de Portos, o pasado 1 de xaneiro, que penaliza aos portos deportivos non concesionados. Os presidentes de ambas as dúas institucións, Angel del Real e Antonio Leira, teñen mantendo reunións co fin de encontrar a figura máis axeitada para que o usuario, que debido á nova lei podería ver multiplicada por 3,6 a taxa que se aplica á súa embarcación, non saia prexudicado.
Entre as opcións que barallan Autoridade Portuaria e Club del Mar, a única que pode evitar este incremento sería unha posible "autorización administrativa", coa que o incremento da taxas totais sería mínimo ou mesmo non existiría. Esta figura provisional sería a acción previa a unha "concesión" máis a longo prazo, a única alternativa viable dende o punto de vista de ambas as dúas institucións.
Tamén se trataron nas reunións as melloras e futuras ampliacións nas instalacións de Curuxeiras e A Graña dentro dese modelo concesional. En concreto, a Autoridade Portuaria está a redactar un proxecto de mellora dos peiraos da Graña, que presentará tamén aos veciños, e está a estudar as posibles necesidades de ampliación e de novas instalacións en Curuxeiras.
O estado dos atraques a 31/12/10 pódese consultar na web da Autoridade Portuaria ( www.apfsc.es )
O estado dos atraques e listas de espera a 31 de decembro pasado (data de finalización do vigor do Convenio có Clube do Mar) pode consultarse nesta web, apartado "Dominio Público"