A Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao, conxelou, por segundo ano consecutivo, as tarifas polos seus servizos prestados directamente de cara ao novo exercicio. A medida foi informada favorablemente polo Consello de Navegación.
Con esta iniciativa, que contempla o incremento do 0% nas súas tarifas por servizos prestados como, por exemplo, a de almacenamento ou as de subministracións, a dársena ferrolana intenta paliar os potenciais efectos negativos da crise no tecido industrial da área de influencia de Ferrol.
Os incrementos nas tarifas de servizos portuarios tamén foron limitados ou moderados, como é o caso dos prácticos (0%), o remolque (1,84%, por debaixo do IPC interanual) ou o amarre (2,30%, similar ao IPC interanual). A Comunidade Portuaria ferrolana colabora tamén nesta iniciativa para apoiar ao tecido loxístico e industrial de Ferrol e as súas bisbarras.
A Autoridade Portuaria pretende que a medida contribúa a impulsar o esforzo que as empresas do sector marítimo e loxístico están a realizar para superar a complicada situación actual.