A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao obtivo o recoñecemento EFQM de Excelencia na Xestión cunha puntuación de 400 +. Este Selo de Excelencia Europea supón un recoñecemento externo á eficacia do Porto de Ferrol no seu modelo de xestión da calidade e certifica o alto nivel dos servizos que o porto presta aos distintos sectores empresariais, así como a magnitude da súa infraestrutura e proxectos, e a profesionalidade dos seus traballadores.
A avaliación externa foi realizada pola entidade certificadora Bureau Veritas. O grupo de avaliadores visitou a Autoridade Portuaria a pasada semana e valorou os puntos fortes do porto destacando a xestión eficaz dos seus servizos e a alta implicación do equipo. Como resultado da análise a Autoridade Portuaria recibiu unha puntuación que a sitúa no Nivel de Excelencia Europeo 400 +.
No contexto do sistema portuario español, tan só as Autoridades Portuarias de Gijón, e Castelló, e agora a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, obtiveron esta distinción.
A adopción do Modelo EFQM de Excelencia permite á Autoridade Portuaria a incorporación de melloras constantes na xestión e a capacidade para medir o avance logrado. Esta optimización nos seus procesos, reflíctese en aspectos concretos, como a potenciación do Porto en mercados internacionais, mediante a presenza continua en foros internacionais do sector portuario e a constitución de alianzas con distintos axentes económicos e organismos oficiais.
Ademais é de grande utilidade para a estratexia de captación de clientes que impulsen o crecemento da actividade portuaria, perseverando na demanda de melloras nos accesos por estrada ou ferrocarril ao porto, dispoñibilidade de zona industrial, etc.