A Autoridade Portuaria está a analizar as propostas presentadas para levar a cabo o proxecto construtivo das novas instalacións náuticas de Caranza.
Recibidas as ofertas dos licitadores para a execución da primeira fase do proxecto, o Porto procedeu hoxe á apertura do sobre número dous (aspectos técnicos e presupostarios) das tres ofertas recibidas. Tras a revisión de toda a documentación presentada prevese que antes de fin de ano estea adxudicada a obra, que contempla a creación de 134 prazas de amarre, na súa primeira fase, que se verán incrementadas ata máis de 300 en fases posteriores.
Ademais, sobre a base das suxestións da Asociación de Veciños de Caranza, a Autoridade Portuaria está a proxectar actuacións complementarias relacionadas coa accesibilidade aos novos peiraos.
As instalacións náuticas de Caranza son un compromiso asumido polo presidente do Porto, Angel del Real, ao ocupar o seu cargo en 2009. Xa na súa anterior época á fronte da institución impulsara esta iniciativa que agora, na súa segunda etapa, volveu activar.