A Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao mantivo nas últimas semanas reunións coa empresa de orixe chinesa Daxiong Spain para apoialos no seu proxecto e analizar as súas necesidades, en especial as loxísticas, de cara a facilitar a súa importación e exportación de mercadorías por vía marítima. En concreto, a empresa está interesada en mover colectores a través do Porto de Ferrol.
Xa dende hai meses se manteñen contactos, en coordinación co IGAPE e outros organismos, coa empresa chinesa. Para esta, a capacidade do porto e a súa proximidade e excelente comunicación Coas pontes, lugar de implantación da súa fábrica, foi clave para o seu establecemento. A experiencia do ente portuario no mercado asiático foi importante para establecer as vías de colaboración.
Daxiong Spain ten previsto contratar, nunha 1ª fase, entre 40 e 50 persoas, ademais de requirir servizos de provedores para tarefas de mantemento, seguridade, limpeza, reciclaxe ou loxística. A súa produción de aceiros para pretensados será, inicialmente, dunhas 50.000 toneladas/ano con enfoque no mercado europeo para abordar, en futuras fases, o mercado africano e o iberoamericano. A posición atlántica de Ferrol para estes mercados é clave.
A captación de investimentos como esta, que xeren actividade e emprego en Ferrol e as súas bisbarras, é un dos obxectivos da Autoridade Portuaria, e un dos seus compromisos de traballo conxunto coa oficina do Plan Ferrol, Eume e Ortegal do IGAPE reflectido no Convenio de Colaboración entre ambos os dous organismos. Estas novas empresas, ademais, traerán novos tráficos para o porto que se suman ás necesidades existentes das empresas das bisbarras e farán viable a creación de novos servizos regulares marítimos.