A Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao encóntrase inmersa na redacción da memoria EFQM co fin de obter o Selo Europeo de Excelencia na Xestión. Como ferramenta para canalizar esta aspiración o porto ferrolano utilizou a implantación do Modelo Europeo de Excelencia na Xestión.
Este mesmo mes a Autoridade Portuaria presentará a Memoria EFQM 2009 para a avaliación do Club de Excelencia na Xestión, que é en España, a organización que outorga o Recoñecemento Europeo da European Foundation for Quality Management (EFQM), do selo correspondente ao nivel alcanzado.
Nun ámbito económico complicado como o actual, o organismo presidido por Angel del Real, consciente da importancia da actividade do Porto sobre a economía da súa zona de influencia, realizou un importante esforzo na optimización da súa xestión. A adopción do Modelo EFQM de Excelencia permite á Autoridade Portuaria a incorporación de melloras constantes na xestión e a capacidade para medir o avance logrado.
Esta optimización da xestión, reflíctese en aspectos concretos, como a potenciación do Porto en mercados internacionais, mediante a presenza continua en foros internacionais do sector portuario e a constitución de alianzas con distintos axentes económicos e organismos oficiais.
Ademais é de grande utilidade para o labor de captación de clientes que impulsen o crecemento da actividade portuaria, perseverando na demanda de melloras nos accesos por estrada ou ferrocarril ao porto, dispoñibilidade de zona industrial, etc.
Porto, cidade e empregados
Esta optimización incide tamén na atención especial á relación do porto coa sociedade, mediante a construción e mantemento de distintas infraestrutura (paseos, xardíns, centro interpretativo, batería de Punta Viñas, etc), e a organización de distintos eventos que achegan o porto aos cidadáns e o fan máis seu. Por último, tamén é de destacar o particular e arraigado coidado do porto polas persoas que traballan nel, mellorando a súa competitividade, a través dun amplo plan de formación que afecta a toda o equipo, potenciando a participación, a través de diversos grupos de traballo e comités, e desenvolvendo medidas de carácter social como o plan de pensións, o seguro médico, o seguro de accidentes, as achegas á asociación cultural, etc.
Deste xeito o Porto de Ferrol, no contexto do sistema Portuario Estatal, sitúase entre os primeiros en canto á implantación do Modelo de Excelencia Europeo EFQM.