A Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao presentou esta mañá un convenio de colaboración co Instituto Universitario de Estudos Marítimos da Universidade da Coruña, para desenvolver unha análise sobre as necesidades presentes e futuras do tecido empresarial do noroeste de España. Desta investigación preténdense extraer conclusións sobre o potencial do Porto Exterior de Ferrol para as empresas e industrias que levan a cabo operacións de importación e exportación, así como a oportunidade que este supón para a dinamización da economía, sobre todo de Ferrol e bisbarras próximas.
O reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, e o presidente da Autoridade Portuaria, Angel del Real, presentaron o convenio este mediodía no Porto ferrolano, acompañados de María Jesús Freire, directora do proxecto, e do vicereitor da Universidade coruñesa, Luis Barral.
O estudo analizará en profundidade aspectos de relevancia como as necesidades actuais da industria galega e previsións de futuro; a situación dos servizos marítimos existentes na zona; e os tráficos importadores e exportadores máis relevantes do noroeste peninsular.
Concretamente, o equipo de traballo integrado por profesionais de ambas as dúas institucións, analizará unha selección de grandes e medianas empresas de Galicia, Asturias, Castela-León, Norte de Portugal e Madrid, abordando o proxecto dende diversos puntos de vista en referencia á súa loxística, os seus plans de crecemento, etc. e como o Porto Exterior de Ferrol mellorará as súas posibilidades.
O presidente da Autoridade Portuaria, Angel del Real, quixo destacar que a cooperación coa Universidade e, en concreto, co IUEM, "é un punto clave para analizar as fortalezas do Porto de Ferrol e enxergar as posibles oportunidades que xurdan do tecido empresarial, xa que é unha institución con alto grao de especialización en temas marítimos e con prestixio internacional,".