O presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol- San Cibrao, Angel del Real, mostrou hoxe a súa desconformidade ante a partida presupostaria designada polo Ministerio de Fomento, dentro dos Presupostos Xerais do Estado 2011, para levar a cabo a conexión ferroviaria co Porto Exterior de Ferrol.
Del Real asegurou que cos 100.000 euros que asignan, "é totalmente imposible iniciar as obras en 2012", algo necesario para contar coa conexión no ano 2014. Ademais, nos presupostos non se consideran partidas reservadas ao proxecto para os próximos exercicios "co que se demostra -reiterou o presidente- que non hai intención ningunha de dotar ao Porto Exterior do tren".
Puntualizou ademais, que se sente decepcionado por este "novo estocazo a Ferrol" xa que "o ferrocarril é unha peza clave para a competitividade desta gran terminal, que supón un motor económico, non só para o Porto, senón para o desenvolvemento de Ferrol e Galicia,". Destacou que "o investimento do Porto Exterior, mesmo contando coa estrada e o ferrocarril, é moi inferior a outras infraestruturas similares".
Por último, manifestou o seu compromiso de seguir traballando co apoio da Xunta de Galicia e loitando, "cunha gran dificultade engadida" por esta infraestrutura.