O Porto de Ferrol celebrou onte o seu día grande do Centenario cunha xornada moi especial que contou coa presenza da Conselleira do Mar, Rosa Quintana, o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Ángel de Real, entre outras autoridades.
O momento central do día estivo protagonizado polos presidentes que pasaron pola Autoridade Portuaria durante este último século, aos que se rendeu unha emotiva homenaxe coa presentación dun libro que relata, por medio das súas vidas, a historia dos últimos cen anos do Porto de Ferrol.
A obra, "Un século de Autoridade Portuaria" da historiadora María Sande, foi presentada na Fundación Caixa Galicia no transcurso dun acto cheo de carácter simbólico e emotivo. Angel del Real, destacou o relevante papel dos responsables do porto no desenvolvemento e evolución deste, ata alcanzar a magnitude da infraestrutura actual, e sen esquecer o gran labor de todos os traballadores que pasaron por el e en consecuencia, de toda a sociedade ferronala.
O acto contou coa participación dos ex presidentes da Autoridade Portuaria e os familiares dos presidentes xa falecidos. A todos eles se lles fixo entrega do libro e un titulo honorífico de "Presidente do Centenario".
Placa conmemorativa e exposición "Un século de Autoridade Portuaria"
Despois do acto, a comitiva desprazarase ata a sede da Autoridade Portuaria para descubrir unha placa conmemorativa do Centenario de man de Lolín Plá, neta do primeiro presidente do Porto de Ferrol, e a Conselleira do Mar.
A xornada concluíu coa inauguración dunha exposición elaborada polo propio porto con material gráfico do seu arquivo histórico e centrada nos cen anos da institución. A mostra, que se poderá visitar a partir de hoxe na Sala de Exposicións do Porto, está realizada co fin de achegar dun xeito divulgativo, sinxelo e visual a historia do porto ferrolano dende o 26 de agosto de 1910 ata o día de hoxe.
Concurso de debuxo infantil
Aínda que o día non acompañou, a dársena ferrolana tivo ambiente dende o mediodía grazas ao concurso de debuxo infantil, organizado dentro do programa do Centenario, no que participaron unha trintena de nenos de entre 3 e 12 anos.
Ademais, esta xornada tan especial coincidiu coa chegada do cruceiro Spirit of Adventure, da navieira Saga Shipping, con 500 pasaxeiros que aproveitaron a xornada para gozar da cidade e o seu ámbito, realizar compras e gozar da gastronomía da zona.
O cruceiro partiu ao atardecer rumbo a Porto e foi despedido, por parte dunha tropa de soldados dieciochescos, con salvas dende o Castelo de San Felipe, unha acción levada a cabo pola Asociación "Batalla de Brión" que se contempla dentro do paquete turístico- histórico que ofrece Ferrol entre os seus atractivos.