O próximo 26 de agosto, data que conmemora a constitución da Xunta de Obras do Porto, será o "día grande" do ano para Ferrol e o seu Porto. Para celebrar este Día do Centenario, a Autoridade Portuaria preparou unha xornada especial na que haberá espazo tanto para os momentos divertidos, coma para os máis rigorosos; o repaso ao que foron estes cen anos de historia; a participación dos máis novos e como, non a emotividade propia dun día tan sinalado.
Ferrol será durante unha xornada o epicentro dos portos galegos e nos distintos actos contará coa presenza da Conselleira do Mar, Rosa Quintana, os ex presidentes da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, e varios dos actuais responsables dos distintos portos galegos.
Un cruceiro con 500 visitantes desembarca na cidade. Pola mañá, arredor das 12:00, fará escala na dársena ferrolana o cruceiro Spirit of Adventure, da navieira Saga Shipping. Procedente de Bilbao e con rumbo a Porto, esta será a segunda ocasión en que o buque arribe na cidade, e esta vez faino coincidindo casualmente coa celebración do Día do Centenario.
Preto de 500 pasaxeiros, entre tripulación e cruceristas, tomarán as rúas do centro de Ferrol no "Día Grande" do seu porto. Os turistas, na súa maioría británicos, terán por diante unha xornada, ata a partida arredor das 19:00 horas, que aproveitarán para gozar da cidade e o seu ámbito, realizar compras e gozar da gastronomía da zona.
Concurso de debuxo para os máis pequenos. Tamén haberá espazo para os nenos e nenas de Ferrol. Dende primeira hora, nunha carpa situada no Peirao de Curuxeiras, desenvolverase o Concurso de Debuxo Infantil. Os interesados en participar só terán que achegarse á instalación habilitada xunto ao peirao de Curuxeiras a partir das 11 da mañá ata as 15 h, e pola tarde de 16 a 20h.
O xurado seleccionará tres debuxos por categoría de idade: de tres a seis, de sete a nove; e de dez a doce anos e o fallo publicarase na web da Autoridade Portuaria www.apfsc.com onde xa se poden consultar as bases. O premio, un por categoría, consistirá nun vale para a compra de xoguetes por valor de 150 euros.
Homenaxe aos ex presidentes. Entre os actos centrais do día estará a presentación do Libro "Un século de Autoridade Portuaria", unha obra escrita pola historiadora María Sande, que será presentada na Fundación Caixa Galicia a partir das 18h. O acto estará presidido pola Conselleira do Mar, Rosa Quintana.
Chea de carácter simbólico e emotivo, a presentación centrarase en homenaxear a todos os presidentes que pasaron pola Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, as persoas que impulsaron co seu esforzo e ilusión o desenvolvemento do porto ata alcanzar a magnitude da infraestrutura actual. Nel estarán presentes os ex presidentes da Autoridade Portuaria e os familiares dos presidentes xa falecidos. No libro relátase a súa historia, cun perfil de cada un deles e os fitos máis importantes que conseguiron durante a súa presidencia.
Placa conmemorativa. Despois do acto, a comitiva desprazarase ata a sede da Autoridade Portuaria para descubrir unha placa conmemorativa e tras iso, inaugurarán a exposición centrada nos cen anos da institución, que se poderá admirar na Sala de Exposicións do porto.
Unha exposición para recordar os últimos 100 anos. Co fin de achegar dun xeito divulgativo, sinxelo e visual a historia do porto ferrolano dende o 26 de agosto de 1910, a Autoridade Portuaria preparou unha magnífica exposición que se poderá ver dende o próximo venres na Sala de Exposicións da dársena de Curuxeiras.
Por medio de paneis explicativos, algo máis dunha vintena, nárrase o século da Autoridade Portuaria con fotos e pequenos relatos da historia dende a súa constitución ata o día de hoxe, pasando por todas as fases do seu desenvolvemento. Unha forma moi atractiva de expoñer os fitos máis importantes que se sucederon durante os últimos 100 anos.