A Batería de Viñas convértese no escenario dunha batalla militar do século XIX
[21/08/2010] Autoridade Portuaria
|
A asociación histórico cultural "Batalla de Brión" organizou, coa colaboración da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, un combate ficticio neste fortín do século XVIII
|
|
A Batería de Punta Viñas foi esta mañá o escenario dunha batalla que nunca existiu. Soldados franceses dun exército de principios do século XIX, asaltaron este fermoso fortín situado na entrada da Ría de Ferrol, e que na realidade nunca foi tomado polo inimigo.
Co fin de impulsar o valor histórico, cultural e turístico deste ámbito, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, que celebra este ano o seu Centenario, quixo colaborar coa Asociación "Batalla de Brión", e levar a cabo esta posta en escena que foi seguida polos interesados en ver como podería ter rematado unha batalla, hai uns 200 anos, entre españois e franceses.
A xornada comezou co paso de revista ás tropas españolas por parte do presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Ángel del Real. Pouco despois, o primeiro canonazo anunciou o inicio do ataque e as tropas francesas asaltaron o fortín ferrolano, creado en 1739, ante a reacción do exército español que, por suposto, saíu vencedor da contenda.
Aínda que non foi a auténtica Batalla de Brión, nin foron os ingleses entrando pola praia de Doniños, nesta ocasión tamén se venceu grazas ás medidas inquebrantables dunha das rías historicamente máis seguras, franqueada por Castelos e fortíns militares.
|
|