O Porto colabora coa Asociación "Batalla de Brión" na representación dunha ofensiva militar na batería de Viñas
[19/08/2010] Autoridade Portuaria
|
Medio centenar de soldados, españois e franceses, ataviados con uniformes militares de principios, do XIX, combaterán o sábado neste fortín situado en cabo Prioriño
A batería, creada en 1739, destaca polo seu valor histórico e simbólico e foi recuperada pola Autoridade Portuaria de forma integral no ano 2002
|
|
O próximo sábado non serán as tropas inglesas as que desembarquen en Doniños para combater cos ferrolanos na mítica Batalla de Brión. Neste caso, e dentro do programa de actos do centenario de Porto de Ferrol en colaboración coa Asociación "Batalla de Brión", serán franceses e loitarán nunha batalla ficticia no magnífico escenario da batería de Punta Viñas.
Unha coidada indumentaria do século XIX e unha admirable posta en escena, serán algúns dos ingredientes deste acto no que tomarán parte arredor de medio centenar de persoas procedentes de distintos lugares de España e Francia.
Comezará a mediodía, co paso de revista ás tropas españolas por parte do presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Ángel del Real, para pouco despois, arredor das 12:30, trasladarse ata a batería de Punta Viñas onde un canonazo anunciará o inicio do enfrontamento. Será entón cando as tropas francesas asalten o fortín ferrolano, creado en 1739, ante a reacción do exército español que evitará o peor desenlace vencendo os soldados franceses.
A batalla terá unha duración de media hora e estará aberta ao público, aínda que, debido á situación da Batería, a orografía e as condicións de seguridade, o aforamento estará limitado. O acceso, que se realizará dende a zona do Centro Interpretativo, farase a pé dende un aparcadoiro habilitado nas proximidades.
|
|