A Sala de Exposicións do Porto de Ferrol abre as súas portas novamente, dentro do programa do Centenario, para acoller unha fermosa mostra das obras do pintor e almirante retirado Miguel A. Fernández Fernández.
Baixo o título "A cor do mar", a colección recolle ao redor de corenta óleos cuxa temática abrangue, "dende o mar máis próximo que xustifica este fermoso Porto de Ferrol, ata o mar aberto, en todo o seu esplendor", segundo o propio artista. En cada unha das súas obras ponse de manifesto o amor polo mar do pintor "mariño de profesión e de vocación" residente na Graña (Ferrol).
A exposición foi presentada onte polo presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Ángel del Real, e contou coa presenza do propio autor. Del Real destacou que Miguel Fernández "é capaz de achegarnos o misterio do mar a través dos seus expertos ollos de mariño, da súa sensible mirada de poeta, da súa inspirada visión e paleta de artista,". Sinalou ademais o especial orgullo que sente ao contar con esta mostra no ano do Centenario do Porto, e invitou expresamente a todos os ferrolanos, amantes do mar e a arte a visitala.
Miguel Fernández é un artista polifacético que ademais de pintar está inmerso no mundo da poesía. Colabora habitualmente co Club da Prensa e a revista Ferrol Análisis e é membro da Sociedade Artística Ferrolana. É autor do libro de poesía "De pronto os delfíns" e actualmente está a preparar a súa última obra "Eloxio do Mariñeiro", con 60 ilustracións e un extenso poema centrado na actividade dos mariñeiros. Fragmentos dos seus poemas acompañan as obras que se expoñen durante estes días en Ferrol.
A mostra poderase visitar entre o venres 30 de xullo e o 15 de agosto, de 19:00h a 21:30h, e coincide ademais coas actividades e eventos da VI Semana Náutica Spinnaker de Ferrol, que se levará a cabo entre o día 5 e o 8 de agosto no peirao de Curuxeiras.
Arte no Porto
É a cuarta exposición de pintura que se leva a cabo no que vai de ano: a primeira, con motivo do Concurso de Pintura organizada pola propia Autoridade Portuaria; a segunda, levada a cabo xunto a Proxecto Hombre; a terceira, centrada nos artistas ferrolanos; e esta última dedicada ao grande artista Miguel Ángel Fernández. Todas elas enmarcadas no programa de actos organizados con motivo do Centenario do Porto co fin de estreitar os lazos coa cidadanía nun ano de especial relevancia para Ferrol.