.:: Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao ::.

Botón Contratación e Licitacións
Botón Emprego
Usuarios Rexistrados

Autoridade Portuaria

Novas

Navieiros de cruceiros americanos coñeceron o porto e a oferta turística de Ferrol e bisbarras
[16/06/2010] Autoridade Portuaria

A AUTORIDADE PORTUARIA DE FERROL RECIBIU HAI POUCOS DÍAS A VISITA DE VARIOS REPRESENTANTES DO SECTOR CRUCERÍSTICO DE ESTADOS UNIDOS DENTRO DA SÚA ESTRATEXIA DE CAPTACIÓN DE NOVAS ESCALAS

 

Unha delegación de representantes de operadores de cruceiros de Estados Unidos, visitou hai uns días o Porto de Ferrol co obxectivo de coñecer in situ tanto as instalacións portuarias coma o resto da oferta turística da cidade e as bisbarras do ámbito.

A visita, amparada pola Oficina de Turismo Española en Miami e Turgalicia, está enmarcada dentro da estratexia do Porto de Ferrol de promoverse como escala de cruceiros para estabilizarse neste mercado e aumentar o número de escalas. Desta forma os americanos obtiveron a información necesaria para a posible incorporación de Ferrol a novos itinerarios de trasatlánticos.

Os integrantes da delegación foron recibidos polo presidente da Autoridade Portuaria, Angel del Real, e representantes do porto mostráronlles as instalacións do porto. Ademais, tiveron a ocasión de realizar un percorrido pola ría, para gozar da magnífica entrada entre Castelos e visitaron tamén o Arsenal Militar, a cidade, etc.

Para unha visión máis completa da oferta turística para cruceiros de Ferrol, ofrecéuselles unha presentación na que se mostraron os principais atractivos diferenciadores, tanto da cidade coma das bisbarras do ámbito, respecto a outros destinos. O obxectivo da Autoridade Portuaria, que conta co apoio do IGAPE, é contribuír con este tráfico a dinamizar o sector turístico de Ferrol e as súas bisbarras.

Autoridade Portuaria de Ferrol - San Cibrao