Ferrol expuxo o seu potencial para a captación de contenedores na TOC Europe de Valencia
[15/06/2010] Autoridade Portuaria
|
. A AUTORIDADE PORTUARIA E O IUEM IMPARTIRON UNHA CONFERENCIA, BASEADA NO ESTUDO QUE REALIZAN CONXUNTAMENTE, SOBRE A IMPORTANCIA DOS PORTOS ESPAÑOIS NAS NOVAS LIÑAS MATÍTIMAS QUE XURDIRÁN TRAS A AMPLIACIÓN DA CANLE DE PANAMÁ
|
|
Unha representación do Porto de Ferrol participou a semana pasada na feira e conferencia TOC Europe, que este ano se celebrou en Valencia. O primeiro dos obxectivos da súa presenza en TOC foi a promoción do Porto de Ferrol como plataforma loxística para a captación de novas liñas de colectores, en especial co Porto Exterior. Para iso, o responsable comercial e de desenvolvemento do Porto mantivo reunións e contactado con importantes navieiras e operadores do panorama marítimo internacional.
Ademais, cabe destacar a grande especialización desta edición de TOC e o interese dos temas tratados nas conferencias así como a calidade dos relatores. Durante tres días analizáronse asuntos como o comercio mundial e transporte marítimo, o modelo de negocios de terminais, a nova lei de portos ou como alcanzar a excelencia operacional, entre outros moitos.
O amplo programa de conferencias contou tamén coa participación da Autoridade Portuaria ferrolana que, xunto a María Jesús Freire, investigadora do IUEM (Instituto Universitario de Estudos Marítimos da Universidade da Coruña), impartiu unha conferencia -baseada no estudo que desenvolven conxuntamente- sobre como a ampliación da Canle de Panamá afectará á rede mundial de liñas de colectores.
OPORTUNIDADE PARA OS PORTOS ATLÁNTICOS Durante o relatorio avanzáronse algúns datos sobre o estudo, no que se analiza a traxectoria do 56% da frota mundial de colectores entre 2008 e xaneiro de 2010. Desta análise extráense dous datos importantes: a falta de tráfico de buques postpanamax que na actualidade crucen o Atlántico e a ausencia de liñas con estes buques, en maior medida, nos portos situados entre o estreito de Xibraltar e o norte de Francia.
Tendo en conta que a ampliación do corredor abrirá novas posibilidades de negocio coa multiplicación do número de buques e o aumento do seu tamaño, a ocasión supón unha excelente oportunidade para os portos españois e en especial para as grandes dársenas da fachada atlántica europea, como a de Ferrol, que deberán estar preparadas.
|
|