O Colexio San José Cluny de Santiago visitou o Porto de Ferrol
[27/05/2010] Autoridade Portuaria
AO REDOR DE 50 NENOS E NENAS DE 11 ANOS PERCORRERON AS INSTALACIÓNS DO PORTO INTERIOR E O CENTRO DE COORDINACIÓN DE SERVIZOS (CCS)
De novo o Porto de Ferrol abriu as súas portas a escolares dentro das actividades organizadas con motivo do Centenario da institución. Esta semana tocoulle a quenda ao colexio San José Cluny de Santiago.
Arredor de medio centenar de nenos e nenas visitaron a dársena ferrolana para descubrir como é un porto e que tipo de actividades se desenvolven nel. Foi a dársena interior o escenario elixido para esta "clase práctica" na que aprenderon, entre outras cousas, como se realizan as manobras de carga e descarga de buques. Ademais, durante o percorrido fixeron un alto no camiño para descubrir "in situ" o funcionamento dun radar como o do CCS (o Centro de Coordinación de Servizos).